Alegacións da Rede de Colexios de Xornalistas ao decreto de acceso á docencia en centros privados
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o resto de colexios agrupados na Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas presentaron esta semana alegacións ao proxecto de modificación do decreto polo que se regula a docencia nos centros privados. O borrador recolle a capacidade dos egresados e egresadas en Xornalismo para impartir Lingua e Literatura, unha reclamación histórica, pero non capacita con esta titulación ou Comunicación Audiovisual para a docencia doutras materias igualmente compatibles coa base formativa dos estudos de comunicación.
Os colexios de xornalistas vén de presentar alegacións ao proxecto de Real decreto polo que se modifica o Real Decreto 860/2010, de 2 de xullo, polo que se regulan as condicións de formación inicial do profesorado dos centros privados para exercer a docencia nas ensinanzas de educación secundaria obrigatoria ou de bachalerato. No documento de alegacións, os distintos membros da Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas agradecen ao Goberno de España que por fin corrixa a normativa que discriminaba aos titulados e tituladas en Xornalismo para impartir a docencia de Lingua Castelá e Literatura, unha demanda da profesión conquistada tras as múltiples xestións levadas a cabo pola Rede, máis inclúense tamén varias achegas adicionais sobre o borrador do proxecto.
En concreto, o Colexio de Xornalistas solicita que se recoñeza tamén as persoas licenciadas e graduadas en Comunicación Audiovisual entre as capacitadas para impartir Lingua Castelá e Literatura, Literatura Universal ou Literatura Dramática, do mesmo xeito que xa se habilita á docencia destas materias aos egresados e egresadas en Xornalismo, dado que estas dúas titulacións comparten un número importante de materias e carga lectiva.
Comunicación Audiovisual
Pola mesma razón, pídese tamén que o grao ou a licenciatura en Xornalismo permita dar aulas da materia de Cultura Audiovisual, á que o borrador permite acceder coa titulación de Comunicación Audiovisual. Así mesmo, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas demanda que se inclúan as titulacións de Xornalismo e Cultura Audiovisual entre as habilitantes para impartir Dixitalización, posto que este é o "perfil máis propicio" para potenciar a alfabetización mediática e fomentar a conciencia crítica do alumnado no mundo dixital, como demostraron moitas experiencias levadas a cbo polas asociacións de prensa e os colexios profesionais; e de Educación Plástica, Visual e Audiovisual, e Expresión Artística, cuxa base formativa coincide con boa parte dos contidos que se imparten nestas materias. Tamén se reclama a súa inclusión para dar aulas de lingua estranxeira, sempre que acrediten experiencia docente ou formación superior axeitada para impartir o currículo, así como o dominio ou acreditación da lingua correspondente.
Por último, insístese na necesidade de garantir que os licenciados e egresados de Xornalismo e Comunicación Audiovisual poidan optar a impartir as asignaturas de Xeografía e Historia, posto que a pesar de que xa estaba recollido na normativa, estes profesionais teñen tido problemas para acceder á docencia destas disciplinas. O Real decreto que se pretende modificar era ademais a excusa para algunhas comunidades autónomas como Andalucía para impedir o acceso de egresados e egresadas en Xornalismo ás bolsas extraordinarias para educación en centros públicos, un tema que deberá ser revisado unha vez que o novo Real Decreto entre en vigor.
A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas constituíuse o 14 de xuño de 2018 e está formada polos once colexios profesionales de xornalistas que actualmente existen en España (Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Galicia, A Rioxa, Murcia, Navarra e o País Vasco).
Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas