Alcanzado un acordo para a regulación por lei do segredo profesional

As Agrupacións de Xornalistas de CCOO e UGT e a Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP), en representación do Foro de Organizacións de Xornalistas no que está integrado o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, xunto á Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE), anunciaron este martes que alcanzaron un acordo co goberno para regular a través dunha lei orgánica o segredo profesional das e dos xornalistas. 

A tramitación parlamentaria deste dereito, unha das principais reivindicacións dos colexios profesionais e as organizacións de xornalistas, vaise levar a cabo a través dunha enmenda do Grupo Parlamentario Socialista ao proxecto de Lei reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción, na que se propón a introdución dunha Lei orgánica de protección do segredo profesional do xornalismo.

As organizacións negociadoras destacan nun comunicado que na redacción desta nova lei "o artigo 1 estabelece que ningún xornalista será perseguido por protexer a identidade das súas fontes, ademais de que o segredo profesional comprenderá o dereito a non revelar a identidade da fonte nin tampouco calquera outra información que puidese conducir directa ou indirectamente á súa identificación". 

A Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas salienta a importancia de que por fin teña un desenvolvemento legal o mandado do artigo 20.1.d da Constitución Española, ignorado durante 44 anos, por causa do cal se produciron no pasado diversos atentados contra a liberdade de información. Coa aprobación da nova lei, a profesión xornalística gozará de mellores garantías na nosa contorna. 

CPXG