Al Jazeera leva o asasinato de Shireen Abu Akleh ao Tribunal da Haia
A cadea qatarí Al Jazeera vén de presentar no Tribunal Penal Internacional "novas probas" sobre o asasinato da xornalista palestino-estadounidense Shireen Abu Akleh, acontecido o pasado 11 de maio. Segundo a canle, as evidencias apuntarían a unha intervención directa do exército israelí. O goberno israelí ten admitido a "probábel" implicación na morte da informadora, pero negouse a participar na investigación aberta polos Estados Unidos ou a impulsar unha propia.
A canle de televisión Al Jazeera presentou este martes ante a Fiscalía do Tribunal Penal Internacional o caso do asasinato da xornalista Shireen Abu Akleh. A cadea qatarí, para a que traballaba a comunicadora, asegura que “descubriu novas probas” sobre o disparo que recibiu, que apuntarían a unha intervención directa das forzas israelís. "Hai unha base razoábel para proceder a investigar a morte de Abu Akleh", manifestou o avogado Rodney Dixon, quen considerou que este caso podería ser visto como unha parte da que xa ten aberta o Tribunal da Haia sobre Palestina.
O 11 de maio,Shireen Abu Akleh, de dobre nacionalidade estadounidense-palestina, foi asasinada cun disparo na cabeza, realizado por un francotirador das forzas de seguridade israelis, cando estaba a informar dunha incursión en Xinin do exército dese país. Un vídeo do momento posterior ao ataque mostra como Abu Akleh levaba posto un chaleco que a identificaba claramente como traballadora da prensa, e tamén como recibe disparos un mozo palestino que tenta asistila. Testemuñas da morte, entre eles dous xornalistas, aseguraron que a zona estaba relativamente tranquila e que non houbo disparos pola parte palestina, fronte a versión do goberno israeli que asegura que a morte se produciu nun intercambio de tiros. Outro informador, Ali Samodi, do xornal Al Quds, recibiu tamén un tiro nas costas, pero sobreviviu.
Aínda que Israel negou as acusacións nun primeiro momento, acabou admitindo a "probábel" implicación das súas forzas no asasinato, logo de que os informes da ONU e dos Estados Unidos estabeleceran tamén a súa responsabilidade. Con todo, desde o goberno israelí non se iniciou ningunha investigación sobre o asasinato, e rexeitouse a cooperación coa que ten aberta o estadounidense FBI.
CPXG