Agresións e acoso á prensa nas concentracións ante as sedes do PSOE
As concentracións convocadas ante as sedes do Partido Socialista para protestar contra a posíbel aprobación dunha lei de amnistía foron o escenario de novas agresións contra xornalistas, nun contexto internacional no que cada vez se produce máis violencia contra informadores mentres informar de protestas sociais. A profesión condenou unanimemente os feitos.
As concentracións que estiveron a producirse diante das sedes do PSOE nos últimos días para protestar contra unha futura lei de amnistía, no cadro das negociacións para a investidura do goberno, volveron acoller situacións nas que algúns manifestantes aproveitaron para dificultar as conexións dos medios e increpar e acosar a xornalistas.
Nas concentracións madrileñas na rúa de Ferraz, o reporteiro de La Sexta Javier Bastida foi insultado e agarrado en varias ocasións e mesmo chegou a esquivar o lanzamento dun adoquín. Un dos individuos que increpou a Bastida tamén tentou interrumpir a conexión de Televisión Española co xornalista Gabriel López, e un equipo de Antena 3 foi rodeado e agredido este mércores, un día no que as protestas parecían máis pacíficas. E a estes pódense sumar outros incidentes, como os insultos de Herman Tertsch, eurodiputado de Vox, contra un xornalista de El Plural. Pero non só en Madrid se produciron estas agresións: os numerosos insultos contra a prensa na concentración de Santander provocaron a condena do Colegio Profesional de Periodistas de Cantabria.
Estes feitos son especialmente preocupantes nun contexto internacional no que cada vez se producen máis agresións contra xornalistas que están a informar sobre mobilizacións. Hai apenas unha semana, a ONU dedicaba os esforzos do Día Internacional para Pór Fin á Impunidade dos Crimes contra Xornalistas a sensibilizar a opinión pública sobre os desafíos que dos e das comunicadoras ante unha escalada de violencia na súa contra, especialmente no contexto da cobertura de protestas sociais e durante os periodos electorais.
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia solidarizouse cos reporteiros agredidos e lembrou que obstruír o seu labor xornalístico significa atentar contra un dos dereitos básicos da cidadanía: o da liberdade de información. Os incidentes provocaron o rexeitamento unánime da profesión, con pronunciamentos de condena de organizacións como a Federación de Sindicatos de Xornalistas, o Consello de Informativos da RTVE, as agrupacións de xornalistas de CCOO e da UGT ou a Asociación de la Prensa de Madrid e a Federación de Asociacións de Prensa de España.
CPXG