Absolto o fotoxornalista Albert Garcia

O fotoxornalista de El País Albert Garcia, acusado de atentado contra a autoridade e lesións, e ao que se lle chegaran a pedir ano e medio de cadea, foi este martes finalmente absolto por falta de probas. O caso da súa detención xerara moitas críticas entre a profesión xornalística e o CPXG sumárase ao comunicado contra a petición de prisión da Fiscalía. 

O xulgado do Penal número 8 de Barcelona absolveu este martes por "falta de probas" o fotoxornalista catalán Albert Garcia, que estaba acusado de dous delitos de atentado contra axentes da autoridade e un delito leve de lesións. O xuiz Jorge González Ibarburen concluiu que existen "serias dúbidas" de que Garcia pelexara cun axente da policía e dá credibilidade ao relato do fotoxornalista de El País e doutras testemuñas fronte á versión dos corpos de seguridade. 

Albert Garcia fora detido o 18 de outubro de 2019 na praza Urquinaona de Barcelona, mentres cubría a manifestación realizada logo de coñecerse a sentencia do procés catalán. Segundo a súa versión, cando fotografaba como dous policías golpeaban a dous mozos, outro axente se colocou diante do seu obxectivo e Garcia dirixiuse a el porque lle impedía retratar ben a escena. O policía acaba por lanzalo a terra e Garcia encárase con el, tras o que acaba detido en dependencias policiais e acusado de atentado e lesións. No xuízo celebrado o 14 de outubro pasado, a Fiscalía solicitaba para el un ano e medio de prisión, aínda que reduciu finalmente a petición a 4.800 de multa. Unha petición da que sae finalmente absolto, aínda que a Fiscalía pode recorrer a sentencia á Audiencia de Barcelona. 

O caso de Albert Garcia foi considerado desde a profesión xornalística como un ataque á liberdade de información. O Col·legi de Periodistes de Catalunya, o Sindicat de Periodistes de Catalunya e o Sindicat de la Imatge UPIFC emitiron un comunicado conxunto expresando o seu rexeitamento á petición de cadea da Fiscalía. A ese comunicado sumáronse posteriormente numerosas organizacións, entre elas o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que celebra agora a absolución do fotoxornalista.

CPXG