A xustiza declara que o xuíz Florit vulnerou o segredo profesional dos xornalistas baleares

O Tribunal Superior de Xustiza das Illas Baleares declarou ilegais os rastrexos de chamadas e a incautación de teléfonos realizados en decembro de 2018 aos xornalistas Blanca Pou e Kiko Mestre. Estes feitos, acontecidos no cadro da investigación do caso Cursach, xeraron un gran rexeitamento por parte da profesión xornalística e foron considerados como un grande atropelo ao segredo profesional, que se encontra agora por fin en vías de regularización. 

A finais da semana pasada facíase pública a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza das Illas Baleares sobre a investigación das comunicacións de xornalistas no cadro do denominado caso Cursach. O auto 4/2023 de 25 de xaneiro da Sala do Social e Penal, asinado polos maxistrados Antonio José Terrasa García, Carmen Frigola Castillón e Fernando Socías Fuster, declara que o xuíz Miguel Florit, xa xubilado, vulnerou o dereito de segredo profesional dos comunicadores Blanca Pou e Kiko Mestre, de Europa Press e Diario de Mallorca, respectivamente. Por esta razón, declara nulos tanto os rastrexos de chamadas como a incautación de teléfonos móbiles.

Este caso remóntase a decembro de 2018, cando o Diario de Mallorca e as delegacións baleares de Europa Press e Efe foron vítimas de rexistros, requisición de material e investigación das súas comunicacións por orde do xuíz Miguel Florit, en relación coa publicación de información sobre o caso Cursach. O xuíz buscaba datos sobre as súas fontes de información, nun dos maiores atentados contra o segredo profesional ocurridos na nosa contorna pola falta de regulación deste dereito. Entre a profesión, a medida provocou un rexeitamento xeneralizado, e a Associació de Periodistes de les Illes Balears impulsou un Manifesto en defensa do dereito á información e liberdade de prensa que recadou 1700 sinaturas de profesionais. Os medios afectados foron candidatos en 2019 ao Premio José Couso de Liberdade de Prensa, e en xuño dese mesmo ano Florit era procesado

A Asociación de Medios de Información (AMI), que representa a máis de 90 medios de comunicación, manifestou nun comunicado a súa satisfacción por esta sentenza, que calificaron de "histórica". Desde a AMI lémbrase que "os medios afectados tiveron que recorrer ao Tribunal Constitucional para ver recoñecido o seu dereito de defensa" e subliñan que o auto destaca a “esencialidade do dereito á liberdade de información” e a importancia “da protección das fontes xornalísticas para a liberdade de prensa nunha sociedade democrática”

O dereito ao segredo profesional, recollido no artigo 20.1.d da Constitución Española, encóntrase agora, tras décadas de desleixo, nun proceso de regularización, tras alcanzarse un acordo para que se recolla nunha lei orgánica. A súa próxima tramitación debera evitar que se produzan atropelos á liberdade da información como o sufrido polos xornalistas Blanca Pou e Kiko Mestre, agora resolto xudicialmente ao seu favor. 

CPXG