A VI edición da bolsa 'Nacho Mirás' abre o prazo de presentación de traballos até o 31 de maio

  • Presentación da VI Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis
  • Capa da web de éDeporte
  • Imaxe do documental 'Detrás dos 90'

O auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolleu hoxe a presentación dunha nova edición da bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade. A sexta bolsa Nacho Mirás ten unha dotación de 6.000 euros, que estarán destinados a proxectos xornalísticos de novos e novas tituladas en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. A recepción de propostas está aberta até o 31 de maio de 2021.

O acto abriuno Xosé Ramón Pousa, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, quen afirmou que a Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis, logo de seis anos, "un proxecto consolidado" que sirve como "unha ventá aberta que nos permite ventilar este escenario tan complexo no que estamos". Fixo tamén unha lembranza de Nacho Mirás, salientando que "lamentabelmente os alumnos aos que lles presentamos a bolsa, xa non tiveron a posibilidade de coñecelo, pero queda o seu traballo".  

O director de Zona de Abanca en Santiago, Ramón Mariño Pérez, quen agradeceu no nome da entidade poder seguir colaborando coa Bolsa Nacho Mirás e destacou que "nun ano tan difícil como este é máis importante aínda se cabe fomentar este tipo de iniciativas". 

A continuación, Belen Regueira, vicedecana segunda do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, fixo leitura dalgúns textos de Nacho Mirás para defender a necesaria realación entre as distintas xeracións de xornalistas e lembrar que foi grazas a el, "que sempre estaba mirando para a xente nova e sabía que tiñamos que buscar máis puntos de encontro", que se materializou esta bolsa que "quere darvos a benvida á profesión dunha forma máis amábel e mellor pagada que a habitual".

Neste sentido, destacou tamén o papel do Colexio de Xornalistas como nexo de toda a profesión na busca dun "horizonte" para que os xornalistas "se fagan preguntan xuntos para facelo mellor ao día seguinte" e animou aos estudantes de Xornalismo á colexiación, aproveitando que se teñen superados máis da metade dos créditos poden colexiarse de forma gratuíta, porque "a vosa voz e participación é importante". Regueira presentou tamén as bases da bolsa, que están xa dispoñíbeis na web de xornalistas.gal.  

éDeporte

Posteriormente, o acto acolleu a presentación da iniciativa gañadora da quinta edición da Bolsa ‘Nacho Mirás’, éDeporte, da man de César Fieiras Ceide, un dos seus responsábeis xunto a Paula Avendaño Liste, Lucía Cancela Martínez e Alejandro Gómez Fernández. Fieiras destacou que a bolsa Nacho Mirás foi "unha moi boa oportunidade" para todos eles para levar adiante o proxecto de éDeporte, que quere producir "un contido moderno e bonito, pero primando o principal, que é contar unha historia".  

éDeporte é un novo medio de comunicación dixital que narra historias de deporte galego, en galego, a través de pezas audiovisuais orixinais que se distribúen na súa páxina web e redes sociais. O formato de éDeporte adáptase ás novas modalidades de consumo de información dos usuarios, ademais de ofrecer unha selección temática baseada nos gustos, peticións e intereses que identifica na conversa cos seus seguidores en redes. Ningún deporte nin deportista queda excluído da axenda do medio, caracterizada polo seu carácter global e inclusivo. éDeporte pretende ser a referencia do deporte galego na rede, unha plataforma versátil cuxa proposta de valor narrativa e estética mestura tradición e vangarda.  

O primeiro proxecto da plataforma consiste nun documental multimedia chamado Detrás dos 90, que se adentra na rutina de traballo do Deportivo ABANCA da Liga Ibedrola durante unha semana, para coñecer de primeira man o día a día das deportistas profesionais. Este documental estrease hoxe ás 21:00 horas, e irá ampliando progresivamente o contido con novas pezas. O segundo proxecto deste novo medio de comunicación, O noso camiño, é un serial de seis microepisodios e un documental final sobre a fase de ascenso que está a disputar a SD Compostela. O primeiro episodo, "Ilusión", xa está dispoñible en éDeporte. 

O acto de presentación da VI Edición da Bolsa Nacho Mirás realizouse respectando todas as medidas de protección para garantir a seguranza do estudantado e xornalistas asistentes. Retransmitiuse tamén por streaming para as persoas que tiveron que quedar fóra por mor das restricións de capacidade. 

A bolsa Nacho Mirás para novos titulados

Poderán concorrer a esta convocatoria titulados nos últimos cinco anos (2021, 2020, 2019, 2018 ou 2017) en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, con proxectos inéditos e sen ningún outro tipo de financiamento nin privado nin público. As propostas poden ser de traballos xornalísticos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxectos que teñan como finalidade a información e a comunicación. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, que poderá ser dividida se o xurado así o considera.

As persoas interesadas deben enviar por correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal o formulario de inscrición, a fotocopia do título (ou copia do expediente para os estudantes de último curso), unha descrición do proxecto e cronoloxía de traballo, o orzamento estimado e unha nota sobre o autor ou autores, que poderá acompañarse dun breve currículo de cada un de eles. Valorarase que o proxecto se materialice en galego, ser membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que poida supor unha solución profesional para os solicitantes, a viabilidade futura do proxecto, a orixinalidade, a amplitude xeográfica do proxecto, o traballo en equipo e a documentación da memoria.

O xurado que avaliará os traballos presentados estará formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Francisco G. Sarria, Xoán Soler e Fernando Varela. O fallo do xurado darase a coñecer no mes de xuño.

A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador, de xornalista. Esta bolsa pretende ser un pequeno empuxe para eles, para que atopen o seu camiño profesional.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).

CPXG