A Unesco publica o relatorio 'O xornalismo é un ben común'

A Unesco difundiu O xornalismo é un ben comúno seu informe sobre as tendencias en liberdade de expresión e desenvolvemento dos medios, correspondente aos anos 2021 e 2022, no que se retrata un xornalismo que sae "debilitado" da situación de pandemia. A seguranza dos xornalistas, as liberdades de prensa e de información e a viabilidade económica dos medios son os tres retos principais para asegurar o futuro do xornalismo para a organización internacional.

A Unesco vén de publicar o seu novo informe sobre tendencias en liberdade de expresión e desenvolvemento dos medios, correspondente aos anos 2021 e 2022. O relatorio títulase nesta ocasión O xornalismo é un ben común e retrata un ano marcado pola pandemia da Covid-19 no que se albiscan tres grandes retos: a seguranza dos xornalistas, as liberdades de prensa e de información e a viabilidade económica dos medios. As conclusións do documento encóntranse na liña da Declaración de Windhoek+30, asinada o ano pasado, que reafirma os compromisos da declaración feita nesa mesma cidade en 1991, en favor da liberdade, a independencia e o pluralismo da prensa, ao tempo que os adapta ao contexto actual. 

O informe recoñece que, durante a crise sanitaria, aumentaron ios procesos de desinformación a grande escala e foron publicados moitos contidos con información inexacta, pouco fiábel ou enganosa, mentres "as medidas adoptadas pola pandemia da Covid-19 xustificaron violacións importantes da liberdade de prensa" en todo o mundo. A isto cómpre sumar o declive da viabilidade financeira, xa precaria, dos medios de comunicación, o que dá como resultado un xornalismo que sae "debilitado" da situación de pandemiia. 

A Unesco alerta de como os ingresos publicitarios se desprazaron dos medios de comunicación ás empresas de Internet, con Google e Meta copando aproximadamente a metade de todo o gasto global en publicidade dixital. Mentres os usuarios dos medios sociais case se duplicaron entre 2016 e 2021, os ingresos publicitarios globais dos xornais reducíronse á metade no mesmo período. A consecuencia, a tirada mundial dos xornais reduciuse un 13% do 2019 ao 2020, o que debuxa un panorama mediático cada vez máis preocupado polas informacións de inmediatez e pouco fidedignas que garanten 'clicks', e menos fornecedor de noticias locais. A menor seguridade laboral e remuneración que denuncian moitos comunicadores repercute tamén nun deterioro da información.

O relatorio recolle tamén que nos os últimos cinco anos, até un 85% da poboación mundial experimentou unha reducen das liberdades de prensa e información. Até 57 leis en 44 países distintos supoñen unha ameaza contra estas liberdades por conter unha linguaxe demasiado imprecisa ou castigos desproporcionados, e duplicáronse desde o 2016 as solicitudes gobernamentais de eliminación de contidos nas principais plataformas de Internet. A consecuencia é unha caída da confianza nos medios e un aumento das posibilidades de desinformación. Como dato positivo, apúntase que 132 estados membros tomaron medidas para garantir o acceso á información e que, ao tempo que a desinformación gaña terreo, aumentan tamén as iniciativas de verificación de datos.

No que respecta á seguranza dos comunicadores, indícase que o número de asasinatos de xornalistas se reduciu lixeiramente nos últimos cinco anos (con 400 mortos desde 2016). Porén, o número de informadores encarcerados non parou de medrar, acadando os 274 no 2020, a maior cifra anual nas últimas tres décadas. Ademais, a impunidade segue a ser a norma nos asasinatos de comunicadores: só o 13% dos casos rexistrados pola Unesco desde 2006, se consideran resoltos xudicialmente. Por outra banda, a organización internacional mostra a súa preocupación porque, malia a que a pandemia recoñeceu aos xornalistas como traballadores esenciais, a crise sanitaria aumentou os niveis de acoso, estrés e experiencias traumáticas aos que están expostos, ademais do risco acrecentado de contraer o virus.

Fronte a esta situación, a Unesco salienta as iniciativas internacionais tomadas en defensa da liberdade de prensa, como a creación do Fondo Mundial para a Defensa dos Medios, a sinatura do Plano de Acción das Nacións Unidas sobre a Seguranza dos Xornalistas e a Cuestión da Impunidade, o Foro sobre Información e Democracia ou o recentemente formado Fondo Internacional para Medios de Interese Público. Porén advírtese que "este tipo de solucións seguen a afrontar un importante obstáculo: a existencia de deficiencias de datos importantes". Por iso, fan un chamamento a que os gobernos, a sociedade civil e as empresas adopten medidas urxentes en defensa do xornalismo, así como a fomentar a alfabetización mediática e informacional e a transparencia da Internet. 

CPXG