A terceira entrega do podcast 'Poñer a voz' recolle a chegada de Begoña Caamaño á Radio Galega

Este xoves publícase o terceiro capítulo, de Poñer a voz, o podcast do Colexio de Xornalistas, realizado co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e baixo a dirección de Lucía Junquera, que lembra a faceta xornalística de Begoña Caamaño no cadro do Día das Letras Galegas.  "Unha radio para un país", relata a súa chegada aos micrófonos da Radio Galega.

Co himno galego e coa voz de Nicolás Camino comezaban as emisións de proba da Radio Televisión Galicia en 1985. Unha radio moi diferente á de agora, que buscaba "construir uns medios públicos para un país", en palabras de Begoña Caamaño. A esa radio chega Begoña en 1988, cando se crea a delegación de Vigo. Xa a partir de 1992 traballaría nos estudios centrais de San Marcos.

"Unha radio para un país", a terceira entrega de Poñer a voz conta como era esa Radio Galega de Begoña Caamaño, coas voces de Ana Romaní, Fani del Rio e Concha Cid-Fuentes. O episodio xa pode escoitarse en IvooxSpotify e Apple Podcast, ademais de na web de Xornalistas

Poñer a voz

O podcast Poñer a voz é un relato sonoro en cinco capítulos que atravesa a vida de Begoña Caamaño. Desde a súa infancia e xuventude en Vigo, onde prende a paixón por contar historias, ata a súa implicación vital no feminismo, no coidado da lingua, no antimilitarismo e na defensa dos medios públicos. Como nexo: o xornalismo. A radio como medio fundamental, pero tamén os artigos que escribiu na prensa e revistas especializadas. Unha lingua e unha linguaxe propia, diferente á literaria, pero que tamén conforma as nosas Letras Galegas.

Poñer a voz pode escoitarse a través de IvooxSpotify e Apple Podcast, ademais de na web de Xornalistas. Ademais da voz conservada pola radio da propia Begoña Caamaño, e da dirección e condución de Lucía Junquera, o podcast vai contar coa participación de Bea Caamaño, Ana Romaní, Xosé María Palmeiro, Concha Cid Fuentes, María Xosé Porteiro, Fani del Río, Víctor Freixanes, Tiago Alvite, Raquel Lema, Carme Hermida, Silvia López, Uxía Iglesias e Belén Teiga.

CPXG