A Revista Pincha conta xa co selo NRede, que acredita 21 cabeceiras dixitais galegas
O rexistro NRede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia segue a incluír novos medios dixitais interesados en garantir o seu traballo xornalístico co selo de Medio Dixital Galego. Coa nova incorporación da Revista Pincha chegan a vinte e unha as cabeceiras acreditadas coa certificación que garante que a súa información é froito dun traballo profesional. Os medios interesados seguen a poder solicitar a súa inscrición, gratuíta se a tramita unha persoa colexiada.
A revista sobre gastronomía e cultura Pincha, centrada nas cidades de Santiago de Compostela e A Coruña, vén de recibir a acreditación de NRede, o Rexistro de Medios Dixitais Galegos posto en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia para recoñecer os medios de comunicación con criterios xornalísticos que existen no eido dixital da nosa comunidade. Este selo serve para ofrecer á cidadanía a garantía de que a información á que está tendo acceso é froito dun traballo profesional e respecta a deontoloxía do xornalismo, distinguíndoa así doutro tipo de contidos dixitais.
Este medio ven a sumarse a La Alacena Roja, Campo Galego, El Diario de Arteixo, Ecos da Comarca, Ferrol360, Galicia Confidencial, Galiciapress, GCDiario, GCiencia, Lugo Xornal, Mundiario, Pontevedra Viva, Praza Pública, Riazor.org, Tempos Dixital, O Tinteiro, Xornal da Mariña, Xornal da Coruña, Xornal de Lemos e Xornal de Vigo, que xa estaban inscritas en NRede. En total, son vinte e un os medios galegos que forman parte de NRede, con representantes do mellor xornalismo dixital. As cabeceiras acreditadas non só cobren información desde as sete cidades galegas e numerosas comarcas, sinón que comprenden tamén numerosas temáticas, nunha mostra que dá conta do variado do ecosistema mediático dixital galego.
Como inscribirse en NRede
Os medios que soliciten formar parte de NRede e cumpran os requisitos serán recoñecidos co selo de Medio Dixital Galego, que poderán visibilizar nas súas páxinas web de cara a se identificar como un espazo de comunicación con contidos xornalísticos, así como para facilitar a súa acreditación ou acceso a axudas públicas. O Colexio rexistraraos nun listado de libre acceso para consulta da cidadanía e solicitará á Xunta de Galicia a súa inclusión na Guía da Comunicación editada pola administración autonómica. A inscrición é gratuíta se a tramita unha persoa colexiada.
Os medios interesados poden solicitar a inscrición en NRede a través da páxina web do Colexio. Para calquera dúbida sobre a solicitude de inscrición en NRede, pódese contactar co Colexio de Xornalistas no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670.
CPXG