A reivindicación das xornalistas galegas do CPXG recibe un dos premios Luísa Villalta a proxectos pola igualdade

O proxecto As mulleres no xornalismo Galego: a crónica revelada foi un dos galardoados co VI Premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña. A iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha publicación que quere pór en valor a contribución das xornalistas mulleres da nosa comunidade, xuntando o legado das pioneiras con entrevistas a referentes actuais. 

A publicación As mulleres no xornalismo Galego: a crónica revelada, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, foi unha das oito propostas galardoadas este xoves 10 de outubro co VI Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade que concede a Deputación da Coruña. O xurado destacou da iniciativa do Colexio o interese da "posta en valor da contribución das xornalistas ao ámbito dos medios de comunicación" e a "capacidade de coordinación con entidades públicas de carácter educativo e alumnado". 

As mulleres no xornalismo Galego: a crónica revelada será un libro que reúna o legado das pioneiras do xornalismo galego, investigando e reivindicando as súas biografías, con entrevistas a referentes femininos da nosa profesión na actualidade. O obxectivo é o de rescatar, visibilizar e valorar o papel das xornalistas, ademais de inspirar ás novas xeracións con referentes mulleres. O volume compleméntase co uso de novas metodoloxías que queren ampliar o seu impacto social, como o acceso, a través dun código QR a contidos dixitais extra ou a produción de entrevistas en formato podcast.

O xurado do VI Premio Luisa Villalta estivo formado por Eva Ovenza, Adrián Gonçalves e Ana Belén García Freijeiro, baixo a presidencia a deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Soledad Agra, e con Manuela Muñiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes da institución provincial, como secretaria. Ademais da proposta do Colexio, entre as 34 iniciativas presentadas resultaron premiadas O próximo baile, será comigo, de Sabela Losada Cortizas; Ofuscadas polo vicio da razón, de Yarama África; Non calarás, da Asociación Cultural Alexandre Bóveda; Altas luces, de Illa Bufarda; A historia vaxenial, de Artyc Content; Punto en boca. Costura e teatro, de Raquel García Crespo e A clase, de Mala Herba Producións.

CPXG