A Rede de Colexios solicita a modificación das bases de convocatorias de emprego do Ministerio de Política Territorial e EFE

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas vén de dirixirse ao Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática para expresar o seu rexeitamento polos requisitos dunha oferta de 95 prazas de emprego no ámbito das Ciencias da Información, que equipara a posesión da licenciatura específica coa dun título de mestrado. Do mesmo xeito, solicitou á Axencia EFE a modificación dunha convocatoria de dúas prazas de redacción que equipara igualmente ambas as dúas titulacións. A Rede lembra que a non creación do Consello Xeral de Colexios de Xornalistas impide a acción colectiva contra estas situacións e perpetúa a precariedade do sector. 

Os colexios agrupados na Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas expresan o seu rexeitamento ás bases dunha convocatoria do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática para a selección dun total de 95 prazas no ámbito das Ciencias da Información, dúas delas na Coruña e en Ourense. As bases recollen como requisito estar en posesión de “Licenciatura ou Máster da rama das Ciencias da Información”, equiparando a posesión dunha licenciatura na rama profesional coa dun título ao que pode accederse sen o grao específico previo e cuxo tempo formativo pode chegar a ser a cuarta parte do dunha licenciatura ou grao. Tampouco queda claro, tendo en conta a redacción, se quedan excluídas aquelas persoas con título de Grao nas diversas ramas das Ciencias da Información que non estean en posesión dun máster.

Deste xeito, esta oferta de emprego público, que representa unha oportunidade para moitas e moitos xornalistas, prexudica gravemente, a través do modo de acceso, ás persoas licenciadas e graduadas en Xornalismo e Comunicación Audiovisual. Convencidos de que se trata dun erro, provocado quizais polo descoñecemento de quen redactara as bases, os membros da Rede remitiron unha solicitud ao Ministerio reclamando a rectificación da devandita convocatoria.

Os colexios de xornalistas dirixíronse tamén á Presidencia executiva da Axencia EFE por unha convocatoria de emprego de dúas prazas de redacción que recolle como requisito a posesión de grao en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, pero tamén acepta outro grado cun máster en xornalismo. Neste caso, ademais de pedir a rectificación da convocatoria, solicitan á empresa pública que sexa un exemplo de boa praxe e que se teña en conta esta petición en posteriores procesos selectivos.

A Rede lembra tamén que a ausencia do demandado Consello Xeral de Colexios de Xornalistas impide que esta institución poida exercer accións en representación do colectivo a nivel estatal, deixándoo desamparado e discriminado respecto a outras profesións, polo que perpetuar a precariedade do sector e minguar o dereito á información da cidadanía é o único motivo polo que non se atende esta petición dos colexios profesionais de xornalistas.

CPXG