A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas rexeita a decisión de Ucraína de non permitir o acceso ao seu país ao xornalista español Angel Sastre

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas mostra todo o seu apoio ao xornalista Angel Sastre, a quen, ao tentar entrar a Ucraína para informar sobre a guerra, lle foi denegado o permiso de acceso por parte das autoridades ucraínas.

O motivo polo que o Goberno de Ucraína non permite o acceso ao seu país ao xornalista español é porque supostamente hai varios anos accedeu sen permiso xunto a outros compañeiros de profesión ao Donbás, un feito que foi desmentido polo propio Angel Sastre, quen segundo as autoridades ucraínas non poderá acceder ao país ata xuño de 2025.

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas destaca a importancia de que tamén nos conflitos bélicos se respecte a liberdade de prensa, motivo polo cal mostra o seu rexeitamento á decisión do Goberno de Ucraína. É inasumíbel que nun país que pretende formar parte da Unión Europea se vulnere a liberdade de prensa e o dereito á información. Neste sentido, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas púxose en contacto coa Embaixada de Ucraína en España para mostrar o seu rexeitamento a esta decisión e solicitar que revoguen esta prohibición para que Angel Sastre poida entrar en chan ucraíno e exercer a profesión xornalística.

Por outra banda, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas quere destacar que antes de que Angel Sastre tentara acceder a Ucraína, se puxo en contacto co Ministerio de Asuntos Exteriores de España para lles pedir que contactaran co Goberno ucraíno e confirmaran que tiña permiso para acceder ao país. Segundo declaracións de Angel Sastre, o Ministerio de Asuntos Exteriores informouno de que non había ningún problema para que accedese a Ucraína, situación que logo non se correspondeu coa realidade.

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas remarca unha vez máis, como xa fixo hai unhas semanas no caso do xornalista Pablo González, que a liberdade de prensa debe respectarse en calquera situación e máis nun conflito bélico, no que é de vital importancia que xornalistas poidan contar libremente ao mundo o que está a suceder.

Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas