A Rede de Colexios esixe claridade, valentía e decisión ao Goberno de España fronte a Polonia no caso do xornalista Pablo González

Carta aberta da Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas á sociedade española, ás súas institucións, ás autoridades europeas e, en xeral, a organismos e entidades profesionais, sociais e cidadás para que defendan dunha forma máis decidida as liberdades de expresión, opinión e información, a necesidade de transparencia e celeridade no exercicio do poder e desempeño da Xustiza con respecto a Pablo González.

A Pablo González, xornalista vasco-ruso encarcerado desde hai un ano en Polonia, cuestionáronselle a súa acreditación e documentos, os seus movementos e contactos á hora de cubrir a guerra…, sen xuízo e sen que, ata o momento, se presentara proba algunha.

Pablo González, experto no espazo postsoviético, estudou linguas eslavas na Universidade de Barcelona e realizou o mestrado de El Correo sobre Xornalismo Multimedia. Traballa como freelance para diferentes medios españois e, baixo a acusación de ser un espía ruso, permanece encarcerado vítima dunha maraña e das dificultades derivadas do confuso e pouco transparente labirinto burocrático-xudicial polaco.

O réxime de encarceramento e illamento que se lle está a aplicar vulnera a liberdade de prensa e os dereitos máis básicos das persoas detidas que están recollidos en diferentes normas e tratados da Unión Europea e das Nacións Unidas.

Despois dun ano, sen unha intervención clara e decidida por parte do goberno español, só filtracións por tras para desactivar o pronunciamento de medios e xornalistas, Pablo continúa en prisión preventiva, incomunicado 23 horas ao día, sometido a un réxime carcerario durísimo sen que, ata o momento, se lle permita o contacto telefónico cos seus tres fillos ou coa súa familia, sufrindo desde o principio todas as trabas e dificultades que fan máis difícil e delicada a súa situación. Alén do drama persoal e familiar, o que está a ocorrer con Pablo González e o que se lle está a permitir ao goberno de Polonia supón un grave precedente para o libre exercicio da nosa profesión á vez que un claro desamparo legal.

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas considera que o goberno español non está a obrar coa celeridade e contundencia que debera e que diplomaticamente desprega noutros casos.  Este grave precedente alerta a toda a comunidade xornalística e representa unha falla democrática en chan europeo, unha falla que, mesmo nun contexto de guerra, deberiamos combater decididamente e sen complexos.

Convén lembrar que Polonia é un país onde os valores democráticos fundamentais non están profundamente arraigados na conciencia política de gran parte da súa sociedade; sofre unha decadente calidade da súa democracia e, por tanto, caeu na clasificación dos Estados de Dereito.

Segundo a clasificación internacional da democracia (países membros da OCDE e da UE), elaborada por expertos da Fundación Bartelsmann, nos últimos tempos, Polonia caeu 29 postos, ata o número 37 dun total de 41 países incluídos na clasificación. O principal motivo desa caída é unha importante deterioración do Estado de Dereito, incluídas as restricións que sofre a independencia da xustiza. Pero o informe destaca tamén o control partidista dos medios de comunicación públicos, as restricións que sofren a liberdade de reunión, unha crecente brutalidade da policía, os intentos de controlar ás ONG, así como os cambios na Lei electoral.

Por todo isto, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, formada por colexios profesionais legalmente constituídos nos Parlamentos autonómicos para a defensa e representación da profesión, esixe unha resposta e intervención clara, decidida, inmediata e valente do goberno español ante Polonia e ante a opinión pública española.

En contextos de incerteza e conflito armado urxe máis que nunca a defensa da democracia, o xornalismo e os dereitos humanos que esiximos que se apliquen no caso de Pablo González. Pedimos a todas as institucións implicadas que fagan un esforzo pola súa liberación para garantir que teña un proceso xudicial xusto. Así mesmo, reiteramos a necesidade de que, en calquera circunstancia ou emerxencia, se deixe traballar aos medios de comunicación e xornalistas con liberdade, seguridade e plena garantía. A guerra non pode ser escusa para cernar a liberdade de expresión, o dereito da cidadanía á información e a liberdade de movemento dos xornalistas á hora de cubrir o que está a suceder.

Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas