A Rede de Colexios pide que o secretario de comunicación sexa xornalista e que non se realicen comparecencias sen preguntas

Con motivo dos cambios producidos nos últimos días no goberno estatal, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas elevou ao presidente Pedro Sánchez distintas peticións en defensa da profesión. En concreto, a Rede solicitou que non se repitan comparecencias sen preguntas, como na que se anunciaron os novos membros do Consello de Ministros, e reclamou que o novo secretario de estado de comunicación sexa un xornalista, tras a marcha de Miguel Ángel Oliver. 

O pasado sábado 10 de xullo, o presidente do goberno, Pedro Sánchez, compareceu ante os medios para presentar os cambios que ía realizar no Consello de Ministros. A intervención, porén, foi realizada sen admitir preguntas dos xornalistas asistentes, un feito que provocou as críticas da Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas.

A Rede de Colexios manifestou que formatos como as comparecencias sen preguntas "dificultan o noso labor e o acceso dos cidadáns á información", polo que aproveitaron a ocasión para solicitar "ás institucións, especialmente ás públicas e partidos, que eviten o seu uso".

Por outra banda, ante o anuncio da marcha do actual secretario de estado de comunicación, Miguel Ángel Oliver, e os rumores sobre a persoa que podería sucedelo, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas solicitou ao presidente do goberno que volva contar cun profesional do xornalismo para estas funcións, claramente informativas.

CPXG