A Rede de Colexios de Xornalistas e o secretario de Estado de Comunicación acordan celebrar reunións periódicas para tratar temas de interese para a profesión

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas mantivo hoxe pola mañá unha reunión de traballo na Moncloa co secretario de Estado de Comunicación Miguel Angel Oliver. Por parte da Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas participaron no devandito encontro José Antonio Barreira, Cristóbal Ruitiña, Pedro Lechuga, Rafael Gimena e Fernando Varela dos colexios de xornalistas de Andalucía, Asturias, Castela e León, Cataluña e Galicia, respectivamente.

Os representantes da Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas remarcaron ante Miguel Angel Oliver que segundo se recolle nas leis de creación destes, os colexios de xornalistas son os interlocutores válidos ante as administracións públicas en todos os asuntos relacionados co exercicio e a titulación de xornalismo e comunicación audiovisual, así como ante calquera cuestión que afecte os ensinos sobre estas materias no sistema educativo. A este respecto ambas partes acordaron fixar reunións periódicas para tratar temas de interese para a profesión, así como seguir a actualidade e evolución da Rede de Colexios de Xornalistas.

Así mesmo, tamén insistiron ao secretario de Estado na importancia da derrogación da chamada "lei mordaza", xa que supón un impedimento para o exercicio libre do xornalismo, polo que manifestaron a importancia da flexibilización desta norma no que ten que ver co exercicio xornalístico e desta maneira evitar que xornalistas e fotoxornalistas sexan sancionados cando están a traballar en espazos públicos co obxectivo de garantir o dereito de información da cidadanía.


Tamén foi tratado nesta reunión o papel activo que deben ter os colexios de xornalistas nos consellos de transparencia e na regulación de dereito de acceso e publicidade activa, así como continuar coa reivindicación xa histórica de que os xornalistas conten cun epígrafe propio no IAE. Doutra banda, os participantes nesta sesión tamén falaron sobre os problemas que axexan na actualidade ao sector como son o intrusismo e a precariedade laboral.


Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas
A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas constituíuse o 14 de xuño de 2018 e está formada polo nove colexios profesionais de xornalistas que actualmente existen en España (Andalucía, Asturias, Castela e León, Cataluña, Galicia, A Rioxa, Murcia, Navarra e País Vasco).

 

REDE DE COLEXIOS PROFESIONAIS DE XORNALISTAS