A Rede de Colexios condena as novas detencións de xornalistas en Irán

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, formada polos once colexios profesionais de xornalistas que existen en España, quere expresar o seu rexeitamento á nova onda represiva contra a información libre en Irán, que provocou a detención de numerosos xornalistas e restricións no uso da internet e as redes sociais. A Rede pide á República Islámica que cese os seus ataques ás liberdades de prensa e reclama ao goberno español que presione ao seu homólogo iraniano para garantir a información independente nese país.

O pasado 16 de setembro, Mahsa Amini, unha moza de 22 anos, morría baixo custodia tras ser arrestada pola policía da moral iraniana, acusada de non vestir correctamente o hiyab. O seu falecemento deu lugar a unha serie de protestas que se estenderon rapidamente por todo o país, con reclamacións que van desde a derogación do veo obrigatorio á caída do réxime islámico. O goberno de Teherán está a responder cunha violenta represión, con máis de cincuenta mortos, e unha vez máis aproveitou para recortar as liberdades de prensa e de expresión.

Distintas organizacións internacionais alertaron da detención de xornalistas por informaren das protestas, así como o comiso das súas ferramentas de traballo e o peche das súas redes sociais. Polo menos 18 xornalistas serían arrestados segundo os datos do Committee to Protect Journalists, aínda que a cifra podería ser aínda maior. Entre os detidos atópanse nomes moi relevantes da prensa independente iraniana, como a xornalista Nilofar Hamedi, unha das primeiras en informar sobre a hospitalización de Amini, a premiada fotógrafa Yalda Moayeri ou o editor da axencia de noticias Mukrian, Masoud Kordpur.

Ao mesmo tempo, a república islámica restrinxiu drasticamente o uso de redes sociais como Instagram ou WhatsApp, e impuxo numerosos cortes da internet en todo o país, especialmente no oeste do Kurdistán iraniano, de onde era orixinaria Amini e onde empezaron as manifestacións. Esta medida supón un novo intento de bloquear calquera tipo de información sobre as protestas, dado que as redes sociais representaban un dos poucos espazos libres nun país cun férreo control da comunicación.

É necesario lembrar que Irán é un dos lugares do mundo con menos liberdade para exercer o xornalismo, dado que ocupa o posto 178 de 180 na Clasificación Mundial da Liberdade de Prensa 2022 de Reporteiros Sen Fronteiras. A situación actual que vive o país debe servir para impulsar reformas que garantan a existencia duns medios de comunicación libres e independentes, e non para aumentar unha represión contra a profesión que xa de seu era totalmente intolerábel.

Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas