A redacción de 'El Correo Gallego' recibe formación sobre o tratamento das violencias machistas
O Colexio de Xornalistas levou onte un novo obradoiro sobre tratamento informativo das violencias contra as mulleres ás redaccións galegas, neste caso na sede de El Correo Gallego en Santiago de Compostela. A formación, impartida por Carmen Quintela, continúa o traballo realizado o ano pasado nalgúns dos principais medios galegos, grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia.
El Correo Gallego acolleu a mañá deste mércores un obradoiro da nova etapa da formación posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que leva ás redaccións galegas a formación para mellorar o tratamento informativo das violencias contra as mulleres. As redactores e os redactores do xornal compostelán puideron recibiron ferramentas para informar de maneira responsábel sobre esta temática, da man da xornalista Carmen Quintela. Este programa formativo é posíbel grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2026.
A sesión formativa achegou coñecementos e técnicas prácticas, de maneira adaptada ás esixencias e ritmos de traballo dunha redacción, para mellorar a calidade das informacións sobre as violencias machistas. Igualmente, resolvéronse dúbidas e formuláronse reflexións profesionais sobre unha materia informativa que se estendeu nos últimos tempos a tódalas seccións, da Política ao Deporte ou á Economía. Algúns dos puntos tratados foron a diversificación das fontes (con ideas para evitar o abuso de fontes veciñais ou familiares), a contextualización (cunha explicación de por que a violencia de xénero é un problema estrutural e require un tratamento diferenciado con respecto a outros crimes) ou a necesidade de construir un relato xornalístico dos feitos que non caia na culpabilización da vitima e evite a revitimización.
Carmen Quintela, especializada na cobertura e investigación con enfoque de xénero, traballa actualmente a distancia como coordinadora editorial da Agencia Ocote, medio guatemalteco especializado en temas de xénero, medioambiente, memoria histórica e verificación; e colabora tamén en medios como elDiario.es. O seu traballo foi recoñecido en dúas ocasións co premio nacional de xornalismo de Guatemala e nunha co premio da Iniciativa para o Xornalismo de Investigación nas Américas do ICFJ e o traballo coordinado por ela «No fue el fuego», foi galardoado co Premio Gabo 2022 na categoría de cobertura. Como todas as encargadas dos obradoiros, recibiu formación específica no tratamento das violencias machistas impartida pola profesora Isabel Menéndez Menéndez, catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Burgos e experta na materia.
O programa
Estes obradoiros están integrados no programa de formación para xornalistas en materia de igualdade e prevención das violencias machistas iniciado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en 2021, que o ano pasado xa trasladara esta necesaria formación ás redaccións de cinco dos principais medios da nosa comunidade e que continua agora con nove obradoiros máis. Ademais de talleres no Diario de Pontevedra e en Atresmedia, este ano realizáronse obradoiros abertos en Santiago, Vigo, A Coruña e Lugo, e este sábado vai celebrarse outro en Ourense. Ademais, desenvolverase en breve unha xornada de formación no Diario de Ferrol. Este programa formativo é posíbel grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2026.
A loita contra a desigualdade e a violencia de xénero é unha das principais preocupacións do Colexio, á que ten dedicado numerosos esforzos desde a sinatura, hai máis de vinte anos, da Declaración de Compostela. A chegada da formación nesta materia ás redaccións dá cumprimento ao o artigo 58 da a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que recolle que se organizarán "actividades formativas dirixidas a profesionais da información coa finalidade de adquiriren as habilidades e os coñecementos necesarios para, no exercicio da súa profesión, transmitiren unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes".
CPXG