A poboación de Quiroga súmase á loita contra a desinformación
A xornalista Pilar Rodríguez Losada impartiu este xoves 16 de xullo en Quiroga un novo obradoiro de alfabetización contra a desinformación organizado polo Colexio de Xornalistas coa subvención da Deputación de Lugo. O público desta vila da Ribeira Sacra puido achegarse na Casa da Cultura a ferramentas e estratexias para distinguir as noticias falsas e loitar contra elas.
Os obradoiros contra a desinformación desenvolvidos en Lugo polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, coa subvención da Deputación de Lugo, chegaron este xoves 16 de xullo á Casa da Cultura de Quiroga, onde a poboación desta localidade puido desfrutar deste acto dirixido a fomentar o consumo crítico e a mellor identificación da verdadeira información entre o público adulto.
O obradoiro, realizado ás 19:30 da tarde, estivo impartido por Pilar Rodríguez Losada, xornalista profesional cunha ampla experiencia como redactora e editora na Televisión de Galicia e nas plataformas online da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. Como todas e todos os formadores dos obradoiros, Rodríguez Losada recibiu formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.
Obradoiros contra a desinformación
O contexto actual de proliferación de noticias falsas está a danar profundamente non só ao xornalismo, que se enfronta a unha crise sen precedentes, senón tamén a propia calidade democrática da nosa sociedade. Sen ferramentas para poder defendérmonos, ninguén está libre de ser vítima ou propagador da desinformación. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación fornecendo a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. O proxecto significa a adaptación a poboación adulta dunha iniciativa formativa que o Colexio leva realizando durante anos con gran éxito entre as e os escolares da comunidade.
Os obradoiros contra a desinformación chegarán aos concellos de Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro, e estarán impartidos por profesionais colexiados e colexiadas que recibiron formación específica: María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Maria Selina Otero Verdes, Carmen Quintela Babío, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González. A actividade está subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo.
CPXG