A plataforma de formación do CPXG acolle unha ducia de cursos para xornalistas
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia xa ten dispoñibeis na súa plataforma de formación un total de doce cursos online, encabezados polo programa orientado a fomentar a promoción económica e laboral dos e das xornalistas de Galicia, subvencionado pola Deputación da Coruña e aberto de balde a todas as persoas interesadas. Outros webinars tratan temas como o discurso de odio, a violencia contra as mulleres, a información xudicial ou o xornalismo de datos.
A plataforma de formación online posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en 2021 acolle xa un total de doce webinars accesíbeis para as e os xornalistas interesados. A gravación dos cursos e a compilación dos materiais complementarios permite o acceso á formación en calquera momento desde a páxina web do Colexio.
Entre os contidos dispoñíbeis na plataforma, destaca o programa de formación online orientado a fomentar a promoción económica e laboral dos e das xornalistas de Galicia, subvencionada pola Deputación da Coruña, e que está aberto de balde a todas as persoas colexiadas e xornalistas interesadas. Esta formación componse de cinco módulos independentes, que tratan temas como o autoemprego, as fontes de datos, a ciberseguridade, as ferramentas de comunicación e a igualdade de xénero. O curso "Comunicación social para combater o discurso do odio", organizado en colaboración con Agareso, é tamén gratuíto, mais só está aberto para as colexiadas e colexiados que o soliciten.
Ademais diso, a plataforma recolle tamén outros webinars cun prezo de inscrición de 9 euros para colexiados e colexiadas, 5 euros para xornalistas en situación de desemprego e estudantes, e 15 euros para persoas non colexiadas. Estes cursos abranguen distintas temáticas de interese para comunicadores e comunicadoras como a violencia sexual ou simbólica, a información xudicial, a cobertura de casos relacionados con menores, o tratamento dos suicidios ou o xornalismo de datos.
CPXG