A ONU publica uns principios básicos para garantir a integridade da información na rede

A ONU publicou recentemente os seus Principios Globais para preservar a integridade da información, que recollen cinco áreas concretas para loitar contra a desinformación online: confianza e resiliencia da sociedade; incentivos positivos; empoderamento público; medios de comunicación, independentes, libres e plurais; e transparencia e investigación. O documento recolle tamén recomendacións para empresas tecnolóxicas, fornecedores de intelixencia artificial, anunciantes, organizacións da sociedade civil, estados ou medios, entre outros axentes implicados.  

A Organización das Nacións Unidas (ONU) vén de publicar os seus principios globais para a integridade de información, unha serie de directrices básicas para combater a desinformación na rede. O documento, realizado tras consultas con diferentes partes interesadas do sector da comunicación, encádranse dentro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel, e queres ser unha guía para o labor da organización no futuro, buscando fomentar un ecosistema informativo máis humano, segundo explicou António Guterres, secretario xeral da ONU. 

Os principios estabelecidos pola ONU céntranse en cinco áreas: confianza e resiliencia da sociedade, referida á fiabilidade da información e a capacidade das sociedades para xestionar os intentos de manipulación; incentivos positivos para aumentar a transparencia e a adherencia dos medios a unhas políticas publicitarias responsábeis; empoderamento público para que as persoas poidan controlar a súa experiencia en liña e tomar decisións informadas; defensa duns medios de comunicación, independentes, libres e plurais; e transparencia e investigación das empresas tecnolóxicas e outros provedores de información para mellorar o modo en que se difunde a información, o uso que se fai dos datos persoais e a forma de solucionar os riscos para a integridade da información.

O documento inclúe tamén unha serie de recomendacións para os axentes implicados. A meirande parte están dirixidas ás empresas tecnolóxicas, ás que se chama a custións como incorporar a seguridade e a privacidade desde o deseño até a distribución, reavaliar modelos de negocio, protexer a infancia, garantir unha moderación coherente dos contidos, estabelecer unha supervisión independente, pór en marcha mecanismos de reclamación sólidos, demostrar a transparencia da publicidade ou proporcionar acceso aos datos. Pero tamén se inclúen peticións aos axentes de intelixencia artificial (garantir unha IA segura e fiábel ou respectar a propiedade intelectual), anunciantes (estabelecer unha publicidade responsábel cos dereitos humanos ou obrigar á transparencia), persoal investigador e organizacións da sociedade civil (manter a integridade ou as normas éticas e fomentar o acceso aberto), e estados (prtexer a poboación ou garantir a liberdade de prensa). 

Aos medios de comunicación, pola súa banda, solicítaselles que cubran a integridade da información, que proporcionen resposta ás crises, que respecten as normas profesionais e deontolóxicas, que utilicen a intelixencia artificial de maneira ética, que estabelezan unha publicidade transparente e responsábel cos dereitos humanos e que cumpran as normas laborais. Insístese en que "os xornalistas ofrecen un servizo indispensábel e poden contribuir a reestabelecer o equilibrio fronte aos riscos que ameazan a integridade do ecosistema informativo mediante prácticas informativas e editoriais éticas e un compromiso coa transparencia, reforzados por unha formación e unhas condicións de traballo de calidade".

As Nacións Unidas comprométense a incrementar os esforzos en materia de integridade da comunicación e emprender accións de promoción destes principios a nivel mundial, con estratexias de comunicación áxiles, recursos multilingües e planos de acción multilaterais. Os seguintes pasos serán publicitar de forma activa os Principios Globais para preservar a integridade da información coa posta en marcha de coalicions multisectoriais amplas e o desenvolvemento de planos de acción coas partes interesadas.

CPXG