A mocidade trans galega pide aos medios solucionar eivas e desvincular o tratamento da súa realidade do sufrimento

Sonia Díaz, Sara Covas e Ana González Liste no encontro deste xoves

Sara Covas, Sonia Díaz e Ana González Liste, en representación de Arelas, Agareso e o Colexio de Xornalistas, debatiron este xoves sobre a visión da mocidade trans galega sobre o seu tratamento mediático. Desde o colectivo, reclámase o fin de prácticas como a patoloxización do trans ou o uso do dead name e pídese ás e aos xornalistas facer un esforzo por presentar historias en positivo e referentes trans para a mocidade.

A realidade da mocidade trans galega e a súa representación nos medios de comunicación foron analizadas este xoves nun encontro organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a ONGD Agareso, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social, na Casa Xohana Torres de Santiago de Compostela. Sara Covas, da asociación Arelas, foi a encargada de transmitir a visión dos e das menores trans sobre o tratamento xornalístico que reciben nun acto no que participaron tamén Sonia Díaz, en representación de Agareso, e Ana González Liste, polo Colexio de Xornalistas 

Covas reclamou ao colectivo de xornalistas que se solucionen algunhas eivas no tratamento das persoas trans, como a propensión a presentalas como vítimas dunha patoloxía ou un trastorno ou a persistencia de afirmacións como que están "no corpo equivocado". Estes serían os exemplos máis extremos dunha tendencia que case sempre vincula nos medios as persoas trans co sufrimento, reclamándose desde a rapazada a necesidade de retratar tamén unha realidade trans feliz. Por outra banda, fixo fincapé tamén en que é preciso que os medios erradiquen o uso do dead name (o nome anterior á transición ou a asunción da identidade de xénero) nas informacións, algo que desde o colectivo se considera "totalmente irrespectuoso e tránsfobo".

No encontro destacouse tamén a necesidade de que os medios de comunicación mostren referentes trans para a rapazada, algo que non sempre pode resultar sinxelo debido a que a exposición das persoas trans pode provocar que reciban todo tipo de agresións, mesmo físicas. De feito, denunciouse que o que ocupa a meirande parte da axenda informativa é unha sobrerrepresentación dos casos finxidos de utilización da lei trans, unida a unha alarma ligada á lei sobre eses cambios de sexo para eludir condenas xudiciais. Neste sentido, instouse ás e os xornalistas a iren alén de dar  voz a quen quere saír nos medios para acudir ás fontes propias do colectivo e contribuír así a dar mensaxes en positivo sobre a mocidade trans.  

O encontro encádrase na edición deste ano do proxecto Xeración Contrainfo, na que Agareso traballou contra o discurso LGBTfóbico nas aulas de Secundaria, man a man con entidades como a asociación de menores e mocidade trans de Galicia Arelas, o colectivo Avante LGBT+ Galiza e a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia. Na enquisa que realizou Agareso entre 503 alumnos e alumnas e 74 docentes dos IES Politécnico de Vigo e dos institutos de Soutomaior e do Milladoiro, reflíctese un ínfimo consumo de medios de comunicación tradicionais entre a rapazada, unha situación preocupante que pode provocar unha maior incidencia da desinformación e dos discursos de odio entre o colectivo de menores. 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia agradece a colaboración de Agareso e Arelas para a organización deste acto e seguirá a buscar espazos de encontro e debate para permitir que os e as profesionais dos medios de comunicación reflexionen sobre as maneiras de transmitir a realidade do colectivo LGBTIQ+. Así, mesmo, chama ao conxunto de xornalistas de Galicia a aplicar as recomendacións expresadas pola mocidade trans para mellorar a súa representación, de cara a conseguir un xornalismo máis inclusivo, respectuoso e xusto.  

CPXG