A mesa sobre xornalismo e incendios reivindicou o papel da profesión e analizou o cambio que supuxeron os lumes de 2025 en Ourense

De esquerda a dereita, Jorge Isla, Juan Maceiras, Miguel Cao, Uxía Carrera, Carlos García Hervella e Santi M. Amil

O Liceo de Ourense acolleu este sábado 18 o encontro de xornalistas Informar desde o lume. Xornalismo e incendios forestais, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia para reflexionar sobre a cobertura informativa dos lumes forestais e os cambios que implica a aparición dos incendios de sexta xeración. Miguel Cao, Uxía Carrera, Carlos García Hervella, Juan Maceiras e Santi M. Amil reivindicaron no debate o papel indispensable do xornalismo na información sobre incendios e destacaron o desafío que supuxo para a profesión a vaga de incendios do 2025. 

Os e as participantes na mesa redonda Informar desde o lume. Xornalismo e incendios forestais deste sábado 18 de abril, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración do Liceo de Ourense, destacaron o rol esencial do xornalismo na cobertura de incendios forestais, especialmente relevante no caso do periodismo de proximidade, que permite afondar, proporcionar contexto e realizar seguimento no tempo dos lumes. Miguel Cao, Uxía Carrera, Carlos García Hervella, Juan Maceiras e Santi M. Amil reflexionar sobre os desafíos que supón informar sobre incendios na actualidade, baixo a moderación de Jorge Isla, representante da demarcación de Ourense no Pleno Territorial do Colexio.

O conxunto de xornalistas insistiu no grande esforzo que supuxo informar da vaga de incendios que afectou o verán pasado a diferentes comarcas de Ourense, que a maioría cualificaron como a peor e máis complexa que viviran. Describiron xornadas de traballo longas e intensas, a dificultade de abranguer os diferentes incendios que afectaron a provincia, o compromiso dos e das periodistas que nalgúns casos interromperon as súas vacacións para informaren e o esgotamento psicolóxico que significa informar sobre circunstancias tan duras.

En concreto, Juan Maceiras, redactor xefe de Cope Ourense, destacou o "compromiso social do xornalismo" á hora de informar sobre os lumes e reivindicou o factor humano, afirmando que "agora que se fala tanto de tecnoloxía, viuse a necesidade de dispoñer de profesionais que vexan e conten o que esta pasando e lles dean voz aos veciños". O xornalista de La Región Miguel Cao salientou tamén a necesidade de volver "á esencia do xornalismo: estar en primeira liña, pisar terreo, escoitar as vítimas" e asegurou que "ningunha redacción está preparada" para a esixencia que supuxeron os lumes do ano pasado.

Pola súa banda, Uxía Carrera, periodista de La Voz de Galicia, fixo fincapé na capacidade que ten o xornalismo local para "achegar contexto" a situacións como a dos incendios forestais e insistiu na importancia de "dar unha visión global" desta complexa problemática. Estas necesidades foron tamén recalcadas por Carlos García Hervella, director do xornal comarcal O Sil, quen salientou que é preciso "que se fale da Galicia rural" e contextualizou a vaga de incendios de 2025 no marco temporal dos últimos 30 anos, sinalando os lumes de 2022 como o primeiro aviso da chegada a Ourense dos incendios de sexta xeración.

Por último, o fotoxornalista de La Voz de Galicia Santi M. Amil denunciou desde a súa disciplina algunhas trabas á información sobre os lumes forestais que ao seu ver se viron incrementadas nos últimos anos, como os impedimentos para acceder ás zonas afectadas polos incendios.

CPXG