A guerra en Gaza marca un 2023 especialmente mortífero para as e os xornalistas
Como todos os anos, ao chegar estas datas as organizacións internacionais publican os seus balances sobre xornalistas falecidos en todo o mundo ao longo do 2023 por exercer a súa profesión. Os efectos para a profesión da guerra na Franxa de Gaza, onde foron asasinados máis de 60 comunicadores e comunicadoras, marcan as cifras dun ano devastador para o xornalismo.
A Federación Internacional de Xornalistas (FIP) documenta a morte de 94 xornalistas e traballadores e traballadoras dos medios de comunicación en 2023, e reclama "unha actuación máis contundente por parte da comunidade internacional para salvagardar a vida dos e as xornalistas e esixir responsabilidades aos agresores". Igual que a morte de xornalistas no 2022 estivo marcada pola guerra de Ucraína, as cifras deste ano veñen condicionadas polo conflito entre Israel e Palestina en Gaza, mais desde a FIP advirten que neste caso estamos ante "unha escala e un ritmo de mortes de profesionais dos medios de comunicación sen precedentes". Polo menos 68 asasinados foron contabilizados por esta organización a raíz deste enfrontamento bélico, o que significa que o 72% dos e das xornalistas mortos o pasado ano foron a consecuencia deste conflito, que desde o 7 de outubro engadiu á macabra lista máis dun xornalista falecido ao día e é xa é a guerra máis mortífera desde que a FIP comezou a rexistrar as mortes de xornalistas no 1990. Alén dos mortos en Palestina, Israel e O Libano a consecuencia desta guerra, o maior número de mortes segundo os datos da FIP produciuse en México, Siria e Ucraína, con tres asasinados en cada caso.
Reporteiros Sen Fronteiras (RSF), no seu Balance Anual 2023 de mortes de profesionais destaca tamén que "o masacre de xornalistas en Gaza contrarresta unha tendencia global á baixa de reporteiros asasinados". A organización internacional documentou até o momento 63 xornalistas mortos no conflito (56 en Gaza, 4 en Israel e 3 no sur do Líbano), unha cifra que salientan que supera o numero total de mortes rexistradas o ano pasado. Con todo, RSF considera no seu relatorio que destas vítimas do conflito, só 13 comunicadores palestinos e 3 libaneses foron asasinados a consecuencia do seu labor informativo, polo que salienta como dato positivo que "45 xornalistas foron asasinados no exercicio da súa profesión ou debido a ela, 16 menos que o ano pasado", o que significa "a cifra máis baixa rexistrada desde 2002". Deles, 23 faleceron en territorios con situación de guerra ou enfrontamentos, o que significa unha inversión sobre a tendencia dos últimos tempos, xa que por primeira vez en cinco anos morreron máis xornalistas en zonas de conflito que en países en paz. Alén dos mortos a resultado do conflito en Palestina e Líbano, RSF sinala como países máis mortíferos para a profesión a México (4 asasinados), Afganistán e Bangladesh (3) e Camerún, Filipinas e Ucraína (2).
O Comité para a Protección dos Xornalistas aínda non publicou o seu balance final do 2023, máis o seu sitio web inclúe un computo de xornalistas asasinados que recolle xa 81 profesionais falecidos, dos que 67 o serían a raíz do conflito na Franxa de Gaza. Fóra deste conflito, os países con máis traballadoras e traballadores dos medios mortos segundo esta organización serían Camerún, Filipinas e Ucraína, con dous casos cada un.
CPXG