A foto escollida para o Premio Xornalistas, de Mercedes Moralejo, lembra a cobertura informativa do Prestige
A imaxe que se entregará a José Precedo o vindeiro 9 de maio como símbolo do XXII Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa é unha fotografía de 2002 da viguesa Mercedes Moralejo que mostra a recollida do chapapote do Prestige por parte das mariscadoras de Baiona. A instantánea salienta o papel da sociedade civil e as mulleres, ademais de simbolizar a importancia do xornalismo mediante a figura dun cámara de televisión.
Xa hai foto para o Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa deste ano, cuxo gañador é José Precedo e que será entregado o sábado 9 de maio na Casa Consistorial de Pontevedra. Desde a vixésima edición, o galardón materialízase nunha imaxe dun ou dunha fotoxornalista galega, que este ano será da autoría da viguesa Mercedes Moralejo. A fotografía elixida mostra as mariscadoras de Baiona recollendo chapapote no esteiro da Foz o 4 de decembro de 2002, nos primeiros momentos posteriores ao verquido do petroleiro Prestige. No centro da imaxe, ao fondo, un cámara de Televisión Española grava toda a escena.
A foto foi escollida por compaxinar o seu destacado valor artístico co contido xornalístico de recoller a actuación da sociedade civil nun dos acontecementos máis relevantes da historia recente de Galicia, ao tempo que representa a importancia do labor informativo mediante a figura do cámara de televisión. Ademais, Moralejo salienta tamén que a imaxe simboliza "a forza da muller nun momento especialmente complicado".
Nada en Vigo en 1970, Mercedes Moralejo Velasco obtivo o título de Especialista Técnico en Realización de Programas na escola de Bemposta, Ourense, en 1991 e dende ese ano traballa como fotoxornalista, nos primeiros anos como freelance en varios periódicos como Atántico Diario, El Mundo, ou DXT e dende 1996 unicamente para La Voz de Galicia en Vigo. Membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia dende a súa fundación, foi representante territorial do mesmo en Vigo en dúas ocasións, do 2000 ao 2004 e do 2021 ao 2025.
O premio
O Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, outorgado polo conxunto de colexiados e colexiadas do CPXG, recolle o legado do Premio José Couso para recoñecer a unha persoa ou organización que destaque pola defensa da liberdade de prensa ou sexa, ou fora, perseguida polo exercicio do xornalismo e por protexer o dereito a informar e a recibir información. O galardón constitúe unha distinción do xornalismo galego a periodistas de calquera orixe cuxo compromiso mereza o recoñecemento profesional e social.
O xornalista galego de elDiario.es José Precedo, que defendeu o dereito ao segredo xornalístico ante o Tribunal Supremo, é o gañador da edición deste ano do Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa. Os actos de entrega do premio van ter lugar o sábado 9 de maio a partir das 12:00 horas na Casa Consistorial de Pontevedra (Praza de España, 1).
CPXG

