A formación aberta sobre tratamento informativo da violencia machista chega este sábado a Lugo
Este sábado 31 de outubro, entre as 10:30 e as 13:30, Fátima Frieiro impartirá na Sala de Novas Tecnoloxías do Concello de Lugo un obradoiro para xornalistas sobre tratamento das violencias contra as mulleres, dentro do programa organizado polo CPXG que xa chegou a algúns dos principais medios galegos. Esta actividade, gratuíta para todas as persoas interesadas, é posíbel grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2026, e ten aberta a inscrición en liña, así como tamén o taller que se realizará en Ourense o 7 de novembro.
Tras os talleres realizados na Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia continúa co seu programa de formación específica sobre tratamento informativo das violencias contra as mulleres, cun novo obradoiro gratuítos que buscan achegar estes necesarios coñecementos profesionais a xornalistas que traballan á peza ou en medios pequenos aos que non chegara a formación nas redaccións, así como tamén a profesionais dos grandes medios que non puideron asistir aos talleres anteriores. Neste caso, o obradoiro vai realizarse en Lugo, na Sala de Novas Tecnoloxías do Concello de Lugo (Praza Anxo Fernández Gómez, s/n) o sábado 31 de outubro, en horario das 10:30 ás 13:30 horas, facilitando tamén aos e ás comunicadoras desta provincia o acceso a esta formación.
O obradoiro vai estar impartido por Fátima Frieiro. Frieiro é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e conta cun mestrado en Márketing e Comunicación Política. Leva case dúas décadas exercendo o xornalismo na prensa escrita en cabeceiras como Diario de Arousa (da que é actualmente redactora xefa) e anteriormente en Diario de Pontevedra ou Faro de Vigo. Tamén participa habitualmente no faladoiro de Radio Arosa Cadena Ser. Como todas as encargadas dos obradoiros, recibiu formación específica no tratamento das violencias machistas impartida pola profesora Isabel Menéndez Menéndez, catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Burgos e experta na materia.
Para poder asistir a este obradoiro é imprescindíbel inscribirse previamente a través deste formulario online. A formación é gratuíta para todos os e as profesionais da comunicación. As prazas, limitadas, adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición. Posteriormente, entregarase un certificado de asistencia ás persoas participantes na formación.
O programa
Estes obradoiros están integrados no programa de formación para xornalistas en materia de igualdade e prevención das violencias machistas iniciado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en 2021, que o ano pasado xa trasladara esta necesaria formación ás redaccións de cinco dos principais medios da nosa comunidade e que continua agora con nove obradoiros máis. Ademais dos talleres abertos xa realizados e do que terá lugar o sábado 7 en Ourense, este ano organizouse unha xornada de formación no Diario de Pontevedra e desenvolveranse en breve outras en Atresmedia, El Correo Gallego e Diario de Ferrol. Este programa formativo é posíbel grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2026.
A loita contra a desigualdade e a violencia de xénero é unha das principais preocupacións do Colexio, á que ten dedicado numerosos esforzos desde a sinatura, hai máis de vinte anos, da Declaración de Compostela. A chegada da formación nesta materia ás redaccións dá cumprimento ao o artigo 58 da a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que recolle que se organizarán "actividades formativas dirixidas a profesionais da información coa finalidade de adquiriren as habilidades e os coñecementos necesarios para, no exercicio da súa profesión, transmitiren unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes".
CPXG