A Fiscalía Superior de Galicia volverá ofrecer información sobre os delitos sexuais con menores implicados
A petición do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, a Fiscalía Superior de Galicia vén de revisar a súa decisión de non ofrecer datos dos casos relativos a delitos contra a liberdade e a indemnidade sexual nos que estean implicados menores e accede a facilitar, a aqueles medios que o soliciten, información sobre a data e lugar do xuízo, o delito cometido, a pena solicitada e breves datos sobre os feitos delitivos e a autoría. O Colexio lembra ás e aos xornalistas que nestas informacións é importante ter especial atención para non vulnerar a protección dos menores, polo que chama a seguir as recomendacións publicadas.
Desde a entrada en vigor da Instrución 1/2022, de 22 de xuño, sobre o Protocolo de Comunicación do Ministerio Fiscal en Galicia, a Fiscalía Superior de Galicia deixou de facilitar aos medios de comunicación os escritos de acusación do ministerio fiscal naqueles casos relativos a delitos contra a liberdade e a indemnidade sexual nos que haxa menores implicados. Esta medida fundamentábase na convicción de que determinados pormenores como o lugar dos feitos, as circustancias ou a relación das persoas implicadas poderían permitir, por vía directa ou indirecta, a identificación do menor implicado ou da súa familia.
Comprendendo o fondo desta decisión, e compartindo a preocupación pola protección do anonimato dos menores, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia viu con inquedanza esta situación, posto que o feito de que se deixen de facilitar eses escritos, axeitadamente procesados e revisados para evitar que as vítimas poidan ser identificadas, dificulta o traballo dos xornalistas e, en consecuencia, deteriora o dereito a recibir unha información veraz sobre o exercicio da Xustiza. Por isto, o decano do Colexio, Francisco X. González Sarria, en nome da Xunta de Goberno, remitiu ao Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes Pérez, un escrito no que lle solicitaba a revisión desta situación, de cara a permitir o acceso a uns datos básicos sobre estas causas, ben a través dos escritos de acusación, cos datos sensíbeis debidamente borrados, como se estivo a facer nos últimos anos, ben mediante un breve resumo que a propia Fiscalía podería facilitar segundo o seu propio criterio.
En resposta á solicitude do Colexio de Xornalistas, a Fiscalía Superior de Galicia vén de acordar que, con caracter excepcional e naqueles casos nos que o soliciten expresamente os medios de comunicación, se acceda a fornecer información dos escritos de acusación nos que estean implicados menores, na que se sinale o órgano xudicial e a data do xuízo (precisando os que sexan a porta pechada), o delito cometido, a pena que solicita o Ministerio Fiscal, uns datos xenéricos sobre a autoría e unha brevísima referencia aos feitos delitivos. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere agradecer á Fiscalía a comprensión das necesidades da profesión xornalística e do dereito á información da cidadanía, que en ningún caso deben colidir coa necesaria protección á poboación máis vulnerábel.
Lembramos ao conxunto da profesión que o acceso a esta información sensíbel significa tamén unha especial responsabilidade por parte das e dos xornalistas que teñan que trasladala á poboación, pois cómpre un especial coidado para evitar calquera tipo de vulneración dos dereitos dos menores. Neste sentido, o Colexio de Xornalistas ten publicadas as Recomendacións sobre o tratamento nos medios dos casos de violencia que afecten a menores e a Guía práctica para o tratamento informativo sobre menores para orientar ás e aos profesionais no tratamento destas temáticas. Ademais, o Código Deontolóxico do Xornalismo Galego é de obrigado cumprimento tanto nestas como no resto de informacións.
CPXG