A FIP reclama a Qatar que deixe de pór trabas ao traballo xornalístico

A Federación Internacional de Xornalistas fai de novo un chamamento ás autoridades qatarís para que respecten a liberdade de prensa e non obstrúan o traballo das e dos xornalistas que están a cubrir o Mundial masculino de fútbol. O organismo internacional recolle unha serie de incidentes que demostran os atrancos reiterados á libre información no país.  

Ante os reiterados exemplos de atrancos para informar libremente do mundial masculino de fútbol que se está a celebrar en Qatar, Federación Internacional de Xornalistas (FIP) vén de facer público un chamamento no que instan ás autoridades qatarís a que respecten a lilberdade de prensa e permitan traballar aos e ás xornalistas. Anthony Bellanger, secretario xeral da FIP, declarou que "a cobertura independente é clave para a transparencia nun evento global como este" polo que "o persoal de seguridade non pode continuar a impedir que os xornalistas fagan o seu traballo e pedir desculpas despois". 

A FIP recolle unha serie de incidentes que demostran estas obstrucións reiteradas ao labor xornalístico. O 15 de novembro, a seguridade do Mundial interrompeu a gravación en directo da cadea norueguesa TV2. Tres días máis tarde, a policía obrigou a Bas Scharwachter, xornalista do dixital holandés NU.nl, a borrar as fotos da súa camara. Varios xornalistas sufriron tamén acoso por portar determinado vestiario ou simboloxía: o estadounidense Grant Wahl por levar unha camisola cun arco da vella, o dinamarqués Jon Pagh por un brazalete co lema OneLove e o brasileiro Víctor Pereira por portar unha bandeira de Pernambuco, que a seguridade confundiu coa bandeira LGTBI. A conexión en directo do comunicador arxentino Joaquín Álvarez, El Pollo Álvarez, foi tamén interrumpida o día 24, e o equipo do programa foi obrigado a abandonar a área. A maiores dos exemplos fornecidos pola FIP, unha xornalista española de Cuatro, Carolina Ferrer, denunciou coaccións mentres preparaba unha reportaxe.

As restricións á información en Qatar, un país que ocupa o número 119 de 180 na Clasificación Mundial da Liberdade de Prensa de Reporteiros Sen Fronteiras, xa causaron polémica antes mesmo do comezo do Mundial. Por esta razón, a propia FIP publicou unhas recomendacións de seguranza para os xornalistas que estean a cubrir este acontecemento. 

CPXG