A decana Belén Regueira e a deputada Soledad Agra presentan en Baio os obradoiros contra a desinformación

De esquerda a dereita, Hortensia Román, Pedro Costa, Ana Facal, Belén Regueira e Soledad Agra na presentación dos obradoiros

A decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira, e a deputada da Área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra, presentaron hoxe o programa de obradoiros contra a desinformación con motivo da celebración do segundo dos talleres, impartido por Pedro Costa no IES Maximino Romero de Lema de Baio (Zas). Os obradoiros contra a desinformación son unha iniciativa de alfabetización mediática do Colexio de Xornalistas que continuará até o mes de maio nos centros de ensino medio da Coruña grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña, a través da área de Dereitos Civís.

O alumnado do IES Maximino Romero de Lema de Baio recibiu esta mañá a visita da decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Belén Regueira Leal, e a deputada da Área Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra Tuñas, que acudiron até ao centro para presentar o programa de obradoiros contra a desinformación posto en marcha polas dúas institucións. Regueira e Agra, que estiveron acompañadas pola directora do centro, Ana Facal Maroñas, aproveitaron a celebración dun taller impartido polo xornalista Pedro Costa Manteiga, para introducir as e os escolares na importancia de combater a desinformación con alfabetización mediática. 

A decana do CPXG agradeceu á area de dereitos civís da Deputación da Coruña "por entender a imporntancia de trasladar aos centros escolares iniciativas como esta contra a desinformación", e asegurou que "é moi importante que as institucións promovan encontros deste tipo para que poidamos insitguir verdade da mentira, como aire limpo para respirar". Pola súa banda, Soledad Agra afirmou que "ante a desinformación, os bulos e as fake news coas que por desgraza convivimos neste momento, é máis necesario ca nunca reivindicar a verdade e verificar a información", e por iso apoian desde a Deputación "iniciativas como esta que promoven algo esencial: a conciencia crítica entre a rapazada".

A continuación, o xornalista Pedro Costa impartiu ao alumnado de terceiro da ESO un obradoiro no que os introduciu na forma en que se desenvolven e espallan as noticias falsas, fornecéndoos tamén de instrumentos para detectala mellor e contribuír a combatela. Costa ten liderado e formado parte de equipos de comunicación e de redes sociais de diferentes entes municipais, provinciais e autonómicos, ademais de pasar pola radio e o mundo da música e colaborar en varios proxectos formativos a prol da comunicación e o diálogo.

Obradoiros contra a desiniformación 

O aumento da desinformación ou a confusión entre o que é e non é un medio na contorna dixital están a danar profundamente o xornalismo, que se enfronta a unha crise e un descrédito sen precedentes. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación trasladando á sociedade galega, tanto escolar como adulta, un programa de formación en alfabetización mediática que a forneza de ferramentas contra a desinformación e as mentiras. Con estes obradoiros nos institutos da Coruña iniciase a actividade deste necesario programa, co que se coñecerán as formas e das estratexias da desinformación, así como diversas ferramentas para combatela.

Todos os obradoiros estarán impartido por profesionais colexiados e colexiadas, que recibiron formación específica en alfabetización mediática na xornada organizada polo Colexio de Xornalistas o pasado 14 de decembro. En concreto, as e os xornalistas que descubrirán ao alumnado da Coruña as estratexias de quen propaga noticias falsas e os recursos para contrastar información serán Pedro Costa Manteiga, Sara Garea López, Elena Martín Lores, Cinthia Piñeiro Acevedo, Miguel Rodríguez Fernández e Marga Tojo González.

Nesta fase, grazas á área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña. liderada por Soledad Agra, un total de vinte talleres chegarán nos próximos meses a dez centros de ensino secundario da provincia da Coruña. O seguinte obradoiro contra a desinformación celebrarase o vindeiro luns 24 de marzo ás 8:30 no IES de Curtis. 

Relacionada: Comezan en Baio os obradoiros contra a desinformación do Colexio de Xornalistas.

CPXG