A CRTVG e a UVigo lanzan 'Sinxelo', un espazo informativo para persoas con dificultades de comprensión
A Corporación Radio e Televisión de Galicia e a Universidade de Vigo deron comezo este mércores ao proxecto Sinxelo, unha iniciativa pioneira no Estado que adapta os contidos dos servizos informativos da Televisión de Galicia ao formato de lectura sinxela. Este formato, pensado para facer accesíbel a información a persoas con dificultades de comprensión lectora, basease nunha adaptación do texto a todos os niveis, así como un ritmo das imaxes e da locución adaptadas. As pezas informativas de Sinxelo estarán dispoñíbeis na web G24.gal e nas redes sociais da canle.
A Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), en colaboración coa Universidade de Vigo (UVigo), puxo en marcha este mércores o proxecto Sinxelo, un espazo informativo co que se emitirán contidos dos servizos informativos da Televisión de Galicia en formato de “lectura sinxela”, de xeito que poidan ser accesíbeis para as persoas cuxa diversidade funcional lles provoque algunha dificultade de comprensión. Esta iniciativa, que converte á CRTVG no primeiro medio audiovisual do Estado en adaptar a súa información a este formato, estreouse cun vídeo sobre o propio proxecto, así como cunha información sobre o naufraxio do Villa de Pitanxo.
O concepto de lectura sinxela aplica pautas e recomendacións á redacción de textos, ao ritmo das imaxes ou ao deseño e maquetación de documentos, sempre coa finalidade de facer accesíbel a información ás persoas con dificultades de comprensión lectora, fundamentalmente, ainda que non só, a persoas con síndrome de Down. Baséase nunha adaptación de texto a todos os niveis, na que o adaptador ten que fuxir das oracións longas e subordinadas e optar por estruturas máis sinxelas, evitando tamén metáforas ou dobres sentidos. Ademais, a voz do vídeo está xerada mediante intelixencia artificial e a súa velocidade está regulada ao fin correspondente.
Nesta iniciativa están implicadas Lourdes Lorenzo, directora do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo e experta en tradución audiovisual; Sonsoles Facal, estudante de doutoramento e impulsora da tradución de libros infantís a ‘lectura sinxela’; e o xornalista Carlos F. Amado, responsable do proxecto por parte da TVG. Os vídeos do proxecto Sinxelo difundiranse tanto pola web G24.gal, como por Youtube, Instagram, TikTok e Facebook.
CPXG