A Comisión Europea presenta a proposta de Lei Europea de Liberdade de Medios
Věra Jourová, vicepresidenta da Comisión Europea vén de presentar a proposta de Lei Europea de Liberdade de Medios. A norma propón medidas para protexer a independencia editorial, prohibir a espionaxe a xornalistas, garantir a independencia e o mantemento dos medios públicos, supervisar a concentración mediática, regular a publicidade institucional ou protexer o contido online, ademais da creación dun órgano regulador europeo en materia de comunicación. A súa ratificación e entrada en vigor está prevista para antes das eleccións europeas de 2024.
A vicepresidenta e responsábel de transparencia e valores da Comisión Europea, Věra Jourová, presentou o pasado venres a proposta deste órgano para garantir a independencia e o pluralismo dos medios na Unión Europea, así como para evitar interferencias políticas nas decisións editoriais e protexer os xornalistas. A futura Lei Europea de Liberdade de Medios quere asegurar que os medios, tanto públicos como privados, poidan operar máis facilmente dentro dos límites da Unión, sen recibir presións e tendo en conta a transformación dixital do espazo comunicativo. Ademais, a Comisión elevou tamén unha recomendación para fomentar salvagardas internas á independencia editorial, con propostas como o fomento da participación das e dos xornalistas nas decisións editoriais.
Entre os aspectos máis relevantes da futura norma está a protección da independencia editorial (con medidas para respectar a liberdade de expresión e a protección das fontes, así como para asegurar a transparencia da propiedade dos medios); a prohibición do uso de programas espía contra os medios, os xornalistas ou as súas familias; o estabelecemento dun financiamento estábel e garantías de pluralidade nos medios públicos; o control e supervisión da concentración mediática ou das medidas xudiciais ou administrativas contra os medios; a garantía de transparencia e non discriminación na publicidade institucional; a protección do contido online contra a súa retirada inxustificada e a creación do dereito do usuario a personalizar a oferta mediática que recibe en función das súas preferencias.
A Comisión propón tamén a creación dun Consello Europeo de Servizos de Comunicación, composto por todas as autoridades nacionais en materia de medios. Este novo órgano promovería a aplicación da Lei Europea de Liberdade de Medios e axudaría á Comisión a deseñar as liñas mestras sobre a regulación mediática, ademais de realizar informes sobre as cuestións relativas aos mercados mediáticos nacionais e as concentracións de medios. Este Consello coordinaría tamén as medidas relativas a medios de fóra da Unión que signifiquen un risco para a seguridade, asegurándose de que non contraveñan a lexislación comunitaria.
“Vimos nos últimos anos distintas medidas de presión aos medios. É tempo de actuar. Temos que estabelecer principios claros: ningún xornalista debera ser espiado por causa do seu traballo, ningún medio público debera converterse nunha canle de propaganda", afirmou a comisaria Jourová na presentación da proposta. A nova lei foi defendida por organizacións como Reporteiros Sen Fronteiras, cuxo secretario xeral, Christophe Deloire, declarou que "debe ser benvida e defendida porque reflicte o desexo da Comisión Europea de preservar os valores da Unión Europea fronte ás poderosas corporacións do sector privado, os estados autoritarios e manipulación externa". Con todo, desde a organización internacional piden afondar nas medidas de protección ao xornalismo e o seu desenvolvemento, na liña do seu documento de recomendacións para a nova lei.
A nova norma ten que ser aprobada polos estados membros de Unión Europea e polo Parlamento Europeo. A súa entrada en vigor espérase para antes das eleccións europeas de 2024, de cara a garantir unha información xusta e libre na campaña electoral. A proposta de Lei Europea de Liberdade de Medios encádrase na liña doutras medidas aprobadas recentemente pola Comisión Europea, como a Recomendación para asegurar a seguridade dos xornalistas e traballadores dos medios ou a Directiva para protexer aos xornalistas contra as demandas abusivas.
CPXG