A casa da cultura da Fonsagrada acolle este xoves un obradoiro contra a desinformación

Pilar Rodríguez Losada imparte un obradoiro contra a desinformación en Lugo

Os obradoiros contra a desinformación do Colexio de Xornalistas na provincia de Lugo, postos en marcha coa subvención da Deputación de Lugo, chegan esta semana á Fonsagrada cun taller que terá lugar o xoves 9 de xullo, ás 12:30 na Casa da Cultura. Esta actividade de alfabetización mediática, dirixida ao público adulto, estará impartida por Pilar Rodríguez Losada.  

O programa de alfabetización mediática organizado en Lugo polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa subvención da Deputación Provincial continúa esta semana cun novo obradoiro contra a desinformación na Fonsagrada. O taller, dirixido a fomentar o consumo crítico e a mellor identificación da verdadeira información entre a poboación adulta, vai ter lugar na Casa da Cultura (Os Chaos, s/n) a partir das 12:30 horas deste xoves 9 de xullo. A poboación desta localidade da montaña lucense poderá así ter acceso a recursos e ferramentas para distinguir mellor o xornalismo de calidade e axudar a combater as noticias falsas.

O obradoiro estará impartido por Pilar Rodríguez Losada, xornalista profesional cunha ampla experiencia como redactora e editora na Televisión de Galicia e nas plataformas online da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. Como todas e todos os formadores dos obradoiros, Rodríguez Losada recibiu formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.

A asistencia ao acto é libre e gratuíta até cubrir a capacidade da sala, sen requerirse inscrición previa. 

Obradoiros contra a desinformación 

O contexto actual de proliferación de noticias falsas está a danar profundamente non só ao xornalismo, que se enfronta a unha crise sen precedentes, senón tamén a propia calidade democrática da nosa sociedade. Sen ferramentas para poder defendérmonos, ninguén está libre de ser vítima ou propagador da desinformación. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación fornecendo a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. O proxecto significa a adaptación a poboación adulta dunha iniciativa formativa que o Colexio leva realizando durante anos con gran éxito entre as e os escolares da comunidade. 

Os obradoiros contra a desinformación chegarán aos concellos de Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro, e estarán impartidos por profesionais colexiados e colexiadas que recibiron formación específica: María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Maria Selina Otero Verdes, Carmen Quintela Babío, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González. A actividade está subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo.

CPXG