A Cadena Ser acolle un novo obradoiro sobre tratamento das violencias machistas nas redaccións
Este mércores 5 á tarde, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia na Cadena Ser outro dos obradoiros que levan ás redaccións galegas a formación para mellorar o tratamento informativo das violencias contra as mulleres. O xornalista Ángel Suanzes, un dos profesionais formados especificamente na materia polo Colexio, trasladou aos e ás profesionais da emisora coñecementos, ferramentas e técnicas para informar dunha maneira axeitada e responsábel sobre as violencias machistas. Esta formación, pioneira na nosa comunidade, é posíbel grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2025.
A sesión formativa achegou coñecementos e técnicas prácticas, ao tempo que se resolveron dúbidas e se formularon reflexións profesionais sobre unha materia informativa que se estendeu nos últimos tempos a tódalas seccións, da Política ao Deporte ou á Economía. Algúns dos puntos tratados foron a diversificación das fontes (con ideas para evitar o abuso de fontes veciñais ou familiares), a contextualización (cunha explicación de por que a violencia de xénero é un problema estrutural e require un tratamento diferenciado con respecto a outros crimes) ou a necesidade de construir un relato xornalístico dos feitos que non caia na culpabilización da vitima e evite a revitimización.
Ángel Suanzes, licenciado en Xornalismo pola Universidade de Salamanca en 1999, é un profesional con máis de vinte e cinco anos de experiencia na radio e na televisión. Ten traballado en informativos, programas e deportes, pero salienta pola súa traxectoria no ámbito cultural e cinematográfico. Agora mesmo, desenvolve o seu traballo na Radio Galega.
O Colexio de Xornalistas xa ten levado os obradorios A catro dos principais medios da nosa comunidade: Faro de Vigo, El Progreso, Europa Press e a Cadena Ser. O mércores 19 de novembro, coa formación sobre o tratamento das violencias machistas que Fátima Frieiro impartirá na redacción de La Voz de Galicia, pecharanse os obradoiros deste ano, o primeiro en que se traslada esta iniciativa pioneira aos medios de comunicación.
Con estes obradoiros chega a unha nova fase o programa de formación para xornalistas en materia de igualdade e prevención das violencias machistas iniciado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en 2021. A loita contra a desigualdade e a violencia de xénero é unha das principais preocupacións do Colexio, á que ten dedicado numerosos esforzos desde a sinatura, hai máis de vinte anos, da Declaración de Compostela. A formación nesta materia chega agora ás redaccións tras a sinatura dun convenio coa Consellería de Politica Social e Igualdade, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, co que se dá cumprimento ao o artigo 58 da a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que recolle que se organizarán "actividades formativas dirixidas a profesionais da información coa finalidade de adquiriren as habilidades e os coñecementos necesarios para, no exercicio da súa profesión, transmitiren unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes".
CPXG