A Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis fai dez anos cunha nova convocatoria
Esta mañá presentouse na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela a décima edición da bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca. A bolsa conta cunha dotación de 6.000 euros, destinada a promover proxectos xornalísticos de novos e novas tituladas en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, e conta coa colaboración da propia Facultade. A recepción de propostas está aberta até o 31 de xullo de 2025.
O acto abriuno a vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Alba Silva Rodríguez, quen lembrou a memoria do xornalista e profesor Nacho Mirás e o seu espíritu de compromiso co xornalismo. Desde o decanato queren agradecer que un ano máis, e xa van dez, que o Colexio e Abanca sigan a convocar esta bolsa, unha oportunidade para os e as xornalistas noveis. Antes de darlle paso á decanado Colexio de Xornalistas, felicita aos gañadores do ano pasado polos seus proxectos xornalísticos. Toma a palabra Belén Regueira, decana do CPXG, quen destacou o aniversario dos dez anos de existencia da bolsa e remarca a implicación da entidade Abanca sin a que non tería sido posible chegar ata aquí. A decana dalle a palabra ao director de zona Santiago Cidade de Abanca, Ramón Mariño Pérez. Mariño reafirma o apoio e o compromiso da entidade coa mocidade e a profesión, dous cuestións coas que están moi sensibilizados.
Belén Regueira Leal, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, lembrou que "a Bolsa Nacho Mirás leva dez edicións apoiando os primeiros pasos profesionais dos novos e novas xornalistas do país", pero que, ademais diso, "esta iniciativa que leva o nome dun periodista inconformista e 'rabudo' tamén é un impulso para as novas ideas que necesitamos con urxencia no xornalismo do presente e que serán semente do xornalismo do futuro".
A continuación presentáronse os traballos gañadores na edición anterior. Érika Martinez explicou que (Des) facendo Galicia, un proxecto composto de catro episodios, tenta debullar a realidade galega, nado dun proxecto anterior (Des) facendo barrio. O proxecto convina podcast e redes sociais. Pola súa banda, Raúl Salgueiro presenta A Vozes, cultura zeta, no que o eixe principal é a rede social Instagram, que se convina cunha web na que se entremezclan todo tipo de contidos. Este é un proxecto de medio nativo dixital de cultura que pretende ser un espazo de proxección para artistas noveis galegos. Salgueiro remata animando ás persoas asistentes a participan, sinala que a bolsa pode ser un bo medio para apostar un por un mesmo, sen ter que agardar a que alguén o faga.
A Vozes, cultura zeta e (Des)facendo Galicia
A Vozes, cultura zeta, de Raúl Salgueiro Cores, é un medio nativo dixital de comunicación cultural que pretende outorgar espazo a manifestacións culturais e a persoas novas que pertencen á xeración Z, favorecendo a súa difusión e promoción no plano cultural galego. Os seus contidos, baseados principalmente en tres ámbitos culturais (a música, a literatura e o cinema e teatro), empregan de maneira principal un perfil de Instagram. Mais se nesta rede social se difundirán vídeos a xeito de entrevista ou reportaxe, con contidos sinxelos de consumir, isto compleméntase cunha web na que se incluirán informacións máis completas e que afondan máis no detalle, na liña do slow journalism, nunha mestura que pretende satisfacer as distintas necesidades comunicativas segundo o tipo de persoa ou a situación do usuario.
(Des)facendo Galicia, pola súa banda, é un proxecto transmedia de Érika Martínez Fernández e Samuel Pérez Pérez que combina o formato do podcast coa creación de contido en redes sociais, coa vontade de facer un percorrido pola xeografía galega que mostre por un lado a identidade propia dos diferentes barrios, pobos ou cidades, e por outro os conflitos ou problemáticas sociais que sofren. Estará baseado en reportaxes sonoras, en formato podcast, duns 25 minutos de duración, que se complementarán con contidos máis visuais e curtos, difundidos a través das redes sociais Tiktok e Instagram.
A bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis
Poderán concorrer a esta convocatoria titulados nos últimos cinco anos (2025, 2024, 2023, 2022 ou 2021) en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, con orixinais novos ou iniciados como máximo un ano antes desta convocatoria. As propostas poden ser de traballos xornalísticos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxectos que teñan como finalidade a información e a comunicación, e tamén poderán presentarse proxectos xurdidos de Traballos de Fin de Grao ou Fin de Máster. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, que poderá ser dividida se o xurado así o considera.
As persoas interesadas deben enviar por correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal a documentación que se especifica nas bases da convocatoria. Valoraranse todas aquelas características que o xurado considere que poidan destacar para un proxecto xornalístico, tendo en conta tamén a orixinalidade, que poida supor unha solución profesional e teña viabilidade futuro, a calidade do proxecto, o seu impacto social, que se materialice en galego e pertencer ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
O xurado que avaliará os traballos presentados estará formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Belén Regueira, Xoán Soler e Fernando Varela. O fallo do xurado darase a coñecer nas semanas seguintes á data límite de recepción de propostas.
A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos xornalistas noveis, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador, de xornalista. Esta bolsa pretende ser un pequeno empuxe para eles e elas, para que atopen o seu camiño profesional. Nas edicións anteriores, foron galardoados coa bolsa os proxectos MediaMapa.Gal e Punto e volta (2016), Feira (2017), Pícaros.gal (2018), Entrelinguas (2019), éDeporte (2020), A Cousa e Zoom na Bagatela (2021), Notas á marxe (2022), Quen son elas? (2023), e A Vozes, cultura zeta e (Des)facendo Galicia (2024).
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).