A BBC busca presidente con anuncios por palabras e ofrécelle o dobre de soldo

208.000 euros ó ano por catro días de traballo á semana. ¿O requirimento? Ser un "individuo excepcional". ¿O posto que se ofrece? Nada menos que a presidencia da BBC. O Goberno británico recorreu ós anuncios por palabras para buscar ó seu novo guía. Os interesados teñen ata fin de mes para se postular.
A oferta apareceu esta fin de semana na prensa británica. O mes pasado de novembro, a BBC quedou orfa tras a marcha do seu presidente, Michael Grade, ó sector privado.

Grade, á fronte da BBC desde maio de 2004, decidiu marchar á competencia e ocupa actualmente o cargo de presidente executivo da ITV. No seu día, chegou á cúpula do grupo público por un procedemento similar ó de agora, xa que o Ministerio de Cultura británico tamén recorreu ós anuncios na prensa para buscalo.

Na BBC son conscientes de que non poden igualar as ofertas das empresas privadas, pero, polo menos, queren volverse un pouco máis desexables polo que decidiron dobrar o soldo do novo presidente. En 2004 ofrecíanse 117.400 euros ó ano. Agora a cifra elévase ata os 208.000. Porén, seguen estando moi lonxe dos 1.258.000 euros anuais que vai gañar Grade, segundo recoñeceu a ITV. Ademais, os seus ingresos inclúen unha participación sobre os resultados económicos que obteña o grupo nos próximos cinco anos.

No terreo económico, xa que logo, a oferta non é moi atractiva. Ademais, o cargo non está exento de desafíos. O novo presidente terá que lidar con retos como o desenvolvemento dixital e coas negociacións que se desenvolven co Goberno para aumentar a tarifa pola licenza que se cobra en Reino Unido ós televidentes.

Segundo publica 'The Guardian', entre os candidatos soan nomes como os do director de cine Lord Puttnam, o veterano da televisión David Dimbledy e o anterior editor de Financial Times, Mr. Lambert. As entrevistas celebraranse a mediados marzo e o Goberno británico espera que o novo presidente ocupe o seu posto antes de Semana Santa.

MADRID
EL MUNDO
Raquel Quílez