A Asemblea do Colexio de Xornalistas aproba por unanimidade as contas e o plan de traballo anual
Este sábado 21 de febreiro celebrouse no Edificio Cersia de Santiago a XXV Asemblea Xeral Ordinaria do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Nela, as colexiadas e colexiados aprobaron por unanimidade a memoria de actividades e as contas do 2025, así como o plan de traballo e os orzamentos para o ano en curso.
A vixésimo quinta Asemblea Xeral Ordinaria realizouse, como xa vén sendo habitual, cun formato mixto, no que se puido participar tanto de maneira presencial, acudindo ao Edificio Cersia, como telemática, a través dunha plataforma dixital. Con esta práctica, pretende garantirse a máxima participación das persoas colexiadas, adaptando a realización da xuntanza ás distintas posibilidades das e dos xornalistas.
Na Asemblea foi presentado e ratificado o peche económico do exercicio anterior, así como tamén os orzamentos propostos pola Xunta de Goberno para o presente ano 2026, ambos os dous por unanimidade. Os orzamentos para este ano inclúen, como noutras ocasións, a actualización das cotas das colexiadas e colexiados de acordo co IPC.
As actividades realizadas ao longo do ano pasado foron detalladas pola decana, Belén Regueira, destacando actividades como o traslado da formación para mellorar o tratamento informativo das violencias contra as mulleres ás redaccións dos medios, os obradoiros contra a desinformación, os programas O impacto da intelixencia artificial no xornalismo e A comunicación corporativa ou as publicacións As mulleres no xornalismo Galego: a crónica revelada e Mirás: xornalismo gaiteiro, ademais das convocatorias habituais do Colexio como o Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, a Bolsa Nacho Mirás ou o Premio Somos Esenciais, que este ano foi complementado cun Encontro de Xornalismo Social. A memoria de actividades estará dispoñíbel para os colexiados e colexiadas ao longo deste primeiro semestre do ano, tal e como estabelecen os Estatutos.
A proposta de traballo da Xunta de Goberno para este ano 2026, que tamén foi aprobada pola Asemblea Xeral contempla, ademais da continuidade dos proxectos xa consolidados, a realización de novos obradoiros contra a desinformación na provincia de Lugo ou actividades no cadro da concesión do Día das Letras Galegas á xornalista e colexiada Begoña Caamaño. Ademais, durante a xuntanza as colexiadas e colexiados comentaron algúns dos retos do xornalismo galego, como a situación actual da profesión ou a necesidade de incentivar a colexiación e chegar aos e ás profesionais máis novas.
CPXG