Dous novos obradoiros levan a formación sobre tratamento das violencias machistas a 'El Progreso' e Europa Press
No día de onte, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia realizou dous novos obradoiros nas redaccións galegas nos que se achegaron coñecementos, ferramentas e técnicas para mellorar o tratamento informativo das violencias contra as mulleres. Pola mañá, Carmen Quintela foi a encargada de levar a formación ás e aos xornalistas de El Progreso de Lugo, mentres que Marga Tojo fixo o mesmo á tarde na redacción da axencia Europa Press. Ambas as dúas foran formadas especificamente na materia polo Colexio, dentro desta experiencia pioneira posta en marcha grazas ao convenio coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2025.
As dúas sesións formativas serviron para achegar ás e aos profesionais coñecementos e técnicas prácticas, ao tempo que se resolveron dúbidas e se formularon reflexións sobre unha materia informativa que se estendeu nos últimos tempos a tódalas seccións, da Política ao Deporte ou á Economía. Algúns dos puntos tratados foron a diversificación das fontes (con ideas para evitar o abuso de fontes veciñais ou familiares), a contextualización (cunha explicación de por que a violencia de xénero é un problema estrutural e require un tratamento diferenciado con respecto a outros crimes) ou a necesidade de construir un relato xornalístico dos feitos que non caia na culpabilización da vitima e evite a revitimización.
Carmen Quintela, xornalista santiaguesa, viviu en Cidade de Guatemala máis de dez anos, onde se especializou na cobertura e investigación con enfoque de xénero. Actualmente traballa a distancia como coordinadora editorial da Agencia Ocote, medio guatemalteco especializado en temas de xénero, medioambiente, memoria histórica e verificación; e colabora tamén en medios como elDiario.es. O seu traballo foi recoñecido en dúas ocasións co premio nacional de xornalismo de Guatemala e nunha co premio da Iniciativa para o Xornalismo de Investigación nas Américas do ICFJ. Coordinou editorialmente «No fue el fuego», un especial xornalístico galardoado co Premio Gabo 2022 na categoría de cobertura e cun premio no festival FINOFF 2022, onde recibiu a mención especial pola cobertura de dereitos humanos.
Marga Tojo, especializada en políticas sociais e desigualdade, forma parte da directiva de Xornalistas Galegas, colectivo na defensa dun xornalismo con perspectiva feminista. As súas colaboracións pasan por medios como Público, eldiario.es, Nós Diario ou a Radio Galega, Realiza un master en estudos de xénero e xestión de políticas da igualdade. Ademais de xornalismo, fai novela, ensaio e poesía, e acaba de gañar o premio Selic de narrativa coa novela negra Sarela, un ensaio de xénero novelado en forma de thriller. Desenvolve investigación e divulgación sobre análise crítica do discurso contemporáneo e programación e xestión de contidos, eventos e proxectos culturais. Co Colexio de Xornalistas ten impartido formación en desinformación e alfabetización mediática.
Con estes obradoiros chega a unha nova fase o programa de formación para xornalistas en materia de igualdade e prevención das violencias machistas iniciado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en 2021. A loita contra a desigualdade e a violencia de xénero é unha das principais preocupacións do Colexio, á que ten dedicado numerosos esforzos desde a sinatura, hai máis de vinte anos, da Declaración de Compostela. A formación nesta materia chega agora ás redaccións tras a sinatura dun convenio coa Consellería de Politica Social e Igualdade, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, co que se dá cumprimento ao o artigo 58 da a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que recolle que se organizarán "actividades formativas dirixidas a profesionais da información coa finalidade de adquiriren as habilidades e os coñecementos necesarios para, no exercicio da súa profesión, transmitiren unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes".
CPXG

