O Encontro de Xornalismo Social "Somos Esenciais" reivindica unha información feita para a cidadanía
O Encontro de Xornalismo Social "Somos Esenciais", organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, coa colaboración de Gadis, serviu para analizar os retos que supón unha información que responde aos problemas da cidadanía e establece vínculos coa propia sociedade. Lara Graña Prieto, Ángel Paniagua Pérez, Alba Chao Vázquez e Carolina Sertal Souto partiron dos traballos que lles valeron o recoñecemento do Premio Somos Esenciais para reivindicar un xornalismo que poña cara á información.
O Marco de Vigo acolleu na tarde de onte o Encontro de Xornalismo Social "Somos Esenciais", organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, coa colaboración de Gadis, para reflexionar sobre a información que dá voz aos problemas da sociedade e se pon ao servizo da cidadanía. O acto contou cos finalistas e gañadoras das dúas últimas edicións do premio Somos Esenciais: Lara Graña Prieto, Ángel Paniagua Pérez, Alba Chao Vázquez e Carolina Sertal Souto, que explicaron como realizaron as súas coberturas e deron exemplos dos retos que supuxeron e das relacións que establecen entre o traballo xornalistico e a sociedade.
O encontro comezou coa entrevista de Alba Chao Vázquez a Lara Graña Prieto, unha conversa que se desenvolveu a partir das tres patas da reportaxe «"García del Cid", el buque de luto y cólera», coa que esta ultima acadou o Premio Somos Esenciais este ano: o xornalismo social, o xornalismo de investigación e o xornalismo local. Graña, redactora xefa en Faro de Vigo e especialista en información económica e marítima, recoñeceu que se decatou da necesidade da información social grazas aos mariñeiros e ás mulleres de Freiremar. "Había que poñerlle cara á economía". En canto ás posibilidades de investigar, asegurou que "é un exercicio de vontade persoal, porque non temos medios para facelo tal e como están dimensionados a maioría dos medios. Hai que ter tempo, determinación e unha liña editorial que cho permita". A xornalista quixo reivindicar tamén o valor da información local: "Valoro moito facer xornalismo desde aquí porque aquí hai moito que contar. Non teño ningunha necesidade de marchar a Madrid para facer o xornalismo que quero facer".
Sobre a reportaxe xornalística que a fixo merecedora do Premio Somos Esenciais, que recolle a historia da desaparición da tripulante Mari Carmen Fernández a bordo do buque oceanográfico do CSIC e as denuncias de acoso e agresións sexuais dentro da institución, Graña asegurou que "aprendín a convivir coa frustración, porque destapabamos cousas e non pasaba nada, e incluso tiven necesidade de parar nalgún momento, pero houbo mulleres do CSIC que me pediron que seguise". Esta relación coa propia cidadanía fíxose central para o desenvolvemento da investigación e deu os seus froitos, exemplificados no movemento #MeTooCSIC, nado a partir das súas informacións, que provocaron a creación dunha "comunidade de mulleres que non dubidaron en reclamar un cambio na institución". Graña prometeu, por outra banda, que a cobertura desta historia non rematou aínda: "Neste caso hai aínda moito que descubrir e, se me deixan, vou seguir facéndoo".
A continuación, Ángel Paniagua Pérez e Carolina Sertal Souto sumáronse a Lara Graña e Alba Chao para realizar un faladoiro baixo o título "A información social ao servizo da xente", moderado pola decana do CPXG Belén Regueira, onde abordaron distintos aspectos clave do xornalismo social a partir dos traballos que lles valeron o recoñecemento do Premio Somos Esenciais. Así, Chao, xefa da edición dixital do Faro de Vigo, a través da súa reportaxe "Pornografía en la red, la mayor escuela de desigualdad y misoginia", na que quixo "poñer o foco nunha situación grave que está afianzando os estereotipos de xénero entre rapaces e rapazas", defendeu a educación como prioridade fundamental e sinalou que "nos dilemas deontolóxicos procuro preguntarme 'por que' e 'para que'". O subdelegado de La Voz de Galicia en Vigo e especialista en información sanitaria, Ángel Paniagua, indicou que o suicidio, o tema central de «La vida tras el suicidio de una hija: "Esto le puede pasar a cualquiera"», "é algo desafiante e na profesión estamos construíndo novos estándares para contalo con dignidade e respecto". Defendeu tamén poñer cara á información como "unha cuestión de eficacia comunicativa" porque "as noticias se entenden mellor cando falamos das persoas ás que afectan" e asegurou que "o noso traballo é unha loita contra o tempo", porque "reportaxes como as premiadas no 'Somos Esenciais' non son habituais no día a día". Por último, Carolina Sertal, redactora de Sociedade e Cultura no Faro de Vigo afirmou que "aínda non saín" da reportaxe "Bebés roubados, entre o silencio e a impunidade", porque "é un tema dolorosísimo", e reivindicou un xornalismo social que "esixe moita empatía, a necesaria por exemplo para estar tres horas escoitando unha vítima de violencia machista contándoche cousas durísimas e saber estar á altura da confianza que deposita en ti".
Encontro de Xornalismo Social "Somos Esenciais"
O Encontro de Xornalismo Social "Somos Esenciais" está organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, en colaboración con Gadis, para recoñecer o labor de xornalistas que traballan en temas de interese social en Galicia e dalo a coñecer a sociedade. O acto complementa a convocatoria do premio de xornalismo homónimo, convocado tamén por ambas as dúas entidades, que naceu en 2021 para premiar o mellor traballo sobre a Covid-19 e logo se transformou nun recoñecemento ao xornalismo de temática social.
CPXG

