365 xornalistas atópanse actualmente en prisión, segundo a FIP

Datos da FIP sobre xornalistas en prisión até o 9 de decembro do 2021

A Federación Internacional de Xornalistas publicou a súa lista de xornalistas encarcerados por facer o seu traballo. O número de comunicadores e comunicadoras en prisión experimentou un gran aumento, cun total de 365, fronte aos 235 rexistrados o ano pasado. A Federación deu a coñecer tamén o número de profesionais dos medios asasinados no que vai de 2021, cun total de 45.

Con motivo da celebración do Día dos Dereitos Humanos, a Federación Internacional de Xornalistas (FIP) fai públicas as súas listas de xornalistas asasinados e encarcerados por facer o seu traballo ao longo deste ano 2021. A Federación documenta, a 9 de decembro, un total de 365 comunicadores e comunicadoras en prisión en todo o mundo. Ademais, 45 xornalistas foron asasinados no que vai de ano. Ambas as dúas listas, nas palabras da FIP "poñen de manifesto a profunda crise do xornalismo que sufrimos nun momento no que se ameazan de forma sistemática os dereitos e a liberdade de prensa en moitas rexións do mundo".

O número de profesionais da información encarcerados este ano experimentou unha gran suba fronte ao ano anterior, no que se rexistraron 235 comunicadores e comunicadoras en prisión. A xuízo da Federación, "a represión e as detencións masivas de profesionais dos medios de comunicación en reximes autoritarios como Myanmar, Belarús, Acerbaixán e Hong Kong explican o crecente número de compañeiros e compañeiras que se atopan actualmente entre reixas". China (con 102 informadores e informadoras en prisión), Turquía (34), Belarús (29), Eritrea (29), Exipto (27), Vietnam (21), Myanmar (18), Rusia (12), Acerbaixán e Iemen (11), Camboxa (10) e Irán (9) son os maiores carcereiros de xornalistas.

Pola súa banda, a lista de xornalstas e persoal dos medios de comunicación asasinados reduciuse con respecto ao ano pasado, no que a FIP rexistrara un total de 65 mortes. Aída que este descenso é unha boa nova, a Federación lembra que a violencia contra os informadores e as informadoras segue cobrando a vida de xornalistas en países como Afganistán (9 asasinados), México (8), India (4) e Pakistán (3).

A FIP aproveita a publicación destas listas para reiterar a súa petición ás Nacións Unidas para adoptar una Convención sobre a seguranza dos xornalistas que promova, protexa e garanta a seguranza dos profesionais dos medios de comunicación en tempos de paz e durante os conflitos armados, e salvaguarde a súa capacidade de exercer a súa profesión de forma libre e independente nun entorno propicio, sen enfrontar acosos, intimidacións ou ataques contra a súa integridade física.

CPXG