'Trescentostrece', un proxecto divulgativo de todos os concellos de Galicia, faise coa X Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis

A Bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, recaeu na súa décima edición en Trescentostrece. Este é un proxecto divulgativo que busca contar, dende cada un dos 313 concellos de Galicia e mediante as redes sociais Tiktok e Instagram, a diversidade cultural, social e histórica do país. A proposta foi presentada por Paula Pérez Cantelar, Xoel Rodríguez Poy e Iria Ramos Mesía.

O xurado da décima Bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela,  resolveu conceder a X Bolsa Nacho Mirás ao proxecto Trescentostrece, presentado por Paula Pérez Cantelar, Xoel Rodríguez Poy e Iria Ramos Mesía. O xurado, formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Belén Regueira, Xoán Soler e Fernando Varela, destacou da proposta o emprego das redes para o desenvolvemento dun traballo divulgativo e amplo, no que o rigor informativo convivirá co atrativo visual, e onde o ámbito rural terá protagonismo. 

Trescentostrece é un proxecto divulgativo que busca percorrer os 313 concellos de Galicia para contar, dende cada un deles, a diversidade cultural, social e histórica do país. O formato tipo da proposta consistirá en vídeos en formato vertical, cun enfoque explicativo e de arredor dun minuto de duración en TikTok e en Instagram, xunto con stories en ámbas as dúas plataformas. A intención é achegar á cidadanía –especialmente á xente nova– historias que non sempre ocupan espazo nos medios tradicionais. Cada vídeo terá unha narrativa clara, cun ton próximo, divulgativo e visualmente atractivo, pero sen renunciar a unha mirada rigorosa e á verificación da información. Os principais contidos, os audiovisuais, publicaranse cunha periodicidade de tres vídeos semanais, arredor de cuestións como historias humanas; patrimonio material e inmaterial; curiosidades, historia e datos descoñecidos de cada concello; e retos locais. A isto sumaranse contidos de carácter máis secundario, como ser infografías ou stories, que apoiarán os vídeos principais.

O proxecto foi presentado por Paula Pérez Cantelar, Xoel Rodríguez Poy e Iria Ramos Mesía. Pérez Cantelar (Ames, 2001) graduouse en Xornalismo pola USC en 2023 e actualmente é reporteira na delegación en Galicia de Antena 3 Noticias, ademais de ter traballado en El Correo Gallego, a Cadena SER en Santiago e a Radio Galega, onde foi presentadora do programa Diario Cultural Zeta. Rodríguez Poy (Becerreá, 2001) conta coa dobre titulación en Xornalismo e Comunicación Audiovisual pola USC, acadada no 2024, e foi até hai pouco correspondente en Bruxelas para a Televisión de Galicia e a Radio Galega. Ramos Mesía (Valdoviño, 2000) acadou o Grao en Xornalismo o ano pasado e é reporteira na delegación en Galicia de La Sexta e cofundadora de O Faiado Podcast, alén de ter traballado nas redaccións santiaguesas de La Voz de Galicia e a Cadena SER.

A Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis

A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos xornalistas noveis, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador, de xornalista. Esta bolsa pretende ser un pequeno empuxe para eles e elas, para que atopen o seu camiño profesional. Nas edicións anteriores, foron galardoados coa bolsa os proxectos MediaMapa.Gal e Punto e volta (2016), Feira (2017), Pícaros.gal (2018), Entrelinguas (2019), éDeporte (2020), A Cousa e Zoom na Bagatela (2021), Notas á marxe (2022), Quen son elas? (2023), e A Vozes, cultura zeta e (Des)facendo Galicia (2024).

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).

CPXG