"Este premio axúdanos a seguir contando historias necesarias e a crer en nós mesmas"
Gemma Malvido e Vanessa Casteleiro recolleron esta mañá na sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia o III Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', organizado polo propio Colexio en colaboración con Gadis, polas reportaxes "Una tarde en Teixeiro: «¿Se porta bien?»", "Con ganas de salir adelante" e "Una mañana en Teixeiro: Deporte, trabajo, estudio y manualidades para volver a la calle". María de La Huerta, finalista, recibiu tamén unha mención especial por "Suicidio de mayores, un drama silenciado". As tres profesionais de La Opinión A Coruña reivindicaron no acto a importancia do xornalismo local e pausado.
Na mañá deste martes 3 de outubro celebrouse na sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) en Santiago de Compostela a cerimonia de entrega do III Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', organizado baixo o lema A información ao servizo da xente polo CPXG, coa colaboración de Gadis, para recoñecer o labor dos e das profesionais da comunicación e a información social como vehículo condutor entre o que pasa na sociedade e a cidadanía, dando voz aos problemas dos axentes sociais e aos efectos que causan. Gemma Malvido e Vanessa Casteleiro, gañadoras desta edición pola serie de reportaxes en La Opinión A Coruña "Una tarde en Teixeiro: «¿Se porta bien?»", "Con ganas de salir adelante" e "Una mañana en Teixeiro: Deporte, trabajo, estudio y manualidades para volver a la calle"; e María de La Huerta, finalista coa peza "Suicidio de mayores, un drama silenciado", publicada no mesmo xornal, recolleron os seus diplomas acreditativos. Na entrega estiveron tamén presentes Xosé Manuel Pereiro, vicedecano terceiro do Colexio de Xornalistas e Melisa Pagliaro Fernández, directora de Márketing e Responsabilidade Social Corporativa de Gadisa.
O acto abriuno o vicedecano do Colexio de Xornalistas, quen afirmou que este é un premio "a favor da xente, o que tería que ser a esencia do xornalismo", con traballos "dos que un sae distinto que cando entra". Pereiro salientou tamén que se trata dun galardón consolidado, que ten cada edición unha maior participación. Pola súa banda, a directora de Márketing e Responsabilidade Social Corporativa de Gadisa felicitou ás premiadas e a todas as persoas participantes pola calidade dos traballos presentados, destacando que "esencial é estar informados das diferentes miradas". "Neste tempo no que todo é tan rápido é necesario pór en valor a pausa que tomades", concluiu Melisa Pagliaro nunha defensa dun xornalismo que escape da inmediatez.
María de La Huerta, a primeira en recibir o diploma que a acredita como finalista, agradeceu o galardón e declarou sentirse "moi contenta e orgullosa de estar aquí coas miñas compañeiras". A redactora quixo reivindicar no seu discurso o xornalismo local, así como "o esforzo que hai que facer para sacar adiante este tipo de reportaxes", e salientou que se poña o foco nunha información centrada no suicidio, unha realidade que até hai pouco non se trataba nos medios, aínda que "por sorte isto está comezando a cambiar".
As seguintes en intervir no acto foron Gemma Malvido e Vanessa Casteleiro, gañadoras do premio por unha serie de reportaxes sobre o centro penitenciario de Teixeiro que, nas palabras de Xosé Manuel Pereiro, consiguen "algo moi difícil: facer traballo así sen ser sensacionalista ou lacrimóxeno". Malvido asegurou que as pezas premiadas "non serían posíbeis sen as persoas que dedicaron un minuto das súas vidas a contarnos a vida en prisión", moitas veces a costa de ter menos tempo coas súas familias, porque "sen quen conte de primeira man o que se descoñece, non se fai xornalismo". A xornalista quixo destacar a importancia de que se recoñeza o traballo realizado desde o xornalismo local e un xornal pequeno: "Grazas por valorar o contido sen se deixar levar polo continente". Pola súa banda, Vanessa Casteleiro afirmou tamén que "as persoas máis importantes ás que hai que agradecer este traballo son as internas e os internos por ser os protagonistas", e defendeu a necesaria colaboración entre xornalistas e fotoxornalistas, "un tándem que funciona á perfección". Ambas as dúas quixeron agradecer ao Colexio de Xornalistas e Gadis un premio que, nas palabras de Casteleiro, "nos axuda a seguir contando historias necesarias e a crer en nós mesmas".
O xurado do terceiro Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais' estivo composto por Antía González Paredes, Francisco X. González Sarria, Darío Janeiro Pereira, Belén Regueira Leal, Manuel Rey Pan, Lucía Rodríguez Peña, Ana Isabel Rodríguez Vázquez, e Cristina de la Vega Jiménez.
Premio de Xornalismo Somos Esenciais
Na súa primeira edición resultou gañadora Isabel Bravo co traballo «Cando as preguntas aínda non tiñan resposta», emitido na Radio Coruña - Cadena SER. Concedeuse tamén unha mención especial como finalista á reportaxe "La uci del covid, desde dentro: «No somos héroes»", publicada por Ángel Paniagua en La Voz de Galicia. Na segunda edición, o gañador foi Manuel Rey Pan, polo podcast de GCiencia "O ano da pandemia". O equipo formado por Elena Martín Lores, Pablo Santiago Martínez, Sofía Caamaño Deus e Ruben Alexandre Lopes Martins recibiu tamén unha mención especial como finalistas pola reportaxe "Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa", publicada no dixital Xarda e no xornal portugués Público.
CPXG