"Aprendamos a ler a información" recibe a visita de Fernanda Tabarés e Manuel Vázquez Sola

Manuel Vázquez Sola; Francisco González, director do centro penitenciario; Fernanda Tabarés e Francisco X. González Sarria, decano do CPXG

A cuarta sesión do programa Aprendamos a ler a información, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinado pola Fundación "la Caixa", levou este martes a dous convidados ao centro penitenciario de Pereiro de Aguiar: a xornalista e directora de Voz Audiovisual Fernanda Tabarés e o director da axencia e consultora de comunicación Punto GA Comunicación Manuel Vázquez Sola. O programa pretende ser unha ferramenta de apoio á reinserción da poboación reclusa feminina a través de diálogos sobre a actualidade e a súa cobertura nos medios de comunicación. 

Aprendamos a ler a información é unha experiencia na que escritores e xornalistas con obra publicada ou con colaboracións habituais nos medios de comunicación trasladarán á comunidade reclusa feminina conceptos básicos para entender a información, buscala nos medios adecuados e colocala nun contexto real socioeconómico, co obxectivo de servir de axuda á súa reinserción. Para iso, estabelecerase un diálogo coas reclusas no que poidan explorarse tanto as publicacións dos autores como a análise da información diaria cos seus diferentes enfoques. 

Nesta cuarta xornada do programa, Fernanda Tabarés salientou que unha das ferramentas para conseguir a reinserción debera ser a información, pero que moitas das reclusas foran "maltratadas" polos medios, por cuestións como as penas de telediario, o incumprimento do segredo sumarial ou "un xornalismo de sucesos mediocre, baseado en declaracións e tinxido de amarelo". Un panorama aínda máis complicado pola irrupción das redes sociais. Manuel Vázquez Sola, pola súa banda, trasladou ás reclusas algúns datos sobre a realidade actual da publicidade e alertou sobre o uso de ferramentas como as redes ou os buscadores para informarse: "Coidado con como buscades! Google, Facebook, Tik Tok, etc, son axencias de publicidade. E a publicidade paga para ser vista, a información non".

Fernanda Tabarés Domínguez, nada en Ourense en 1968, é licenciada en Ciencias da información pola Universidade Complutense de Madrid e ten unha longa carreira xornalística, vencellada principalmente ao Grupo Voz. En La Voz de Galicia exerceu como delegada no Carballiño e en Vigo, xefa de sección de Sociedade e Cultura do mesmo xornal. Foi directora de V Televisión e entre 2010 e 2017 dirixiu e presentou o programa Vía V, un labor polo que recibiu o premio Mestre Mateo á mellor comunicadora de televisión en 2012. En 2018 foi nomeada directora de Voz Audiovisual, cargo que ocupa na actualidade. 

Manuel Vázquez Sola naceu en Vigo en 1963 e é especialista en xornalismo económico. Entre 1986 e 2008 traballou en Radio Noroeste, Radio España, Atlántico Diario, Xornal Diario, Diario 16, La Voz de Galicia e El País. Foi membro da directiva de Dircom Galicia, fundador do extinguido Sindicato da Información de Galicia en 1992 e vicedecano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia entre 2006 e 2008. Dende finais de 2008 dedícase á comunicación corporativa, onde foi director de Comunicación de Caixa Galicia, de Novacaixagalicia, de Evo Banco e de Novagalicia Banco. Actualmente é director da axencia e consultora de comunicación Punto GA Comunicación.

No centro penitenciario de Pereiro de Aguiar, a prisión de referencia na provincia de Ourense, están privadas de liberdade un total de 287 persoas na actualidade, das que 21 son mulleres, que conviven nun módulo do recinto . O programa Aprendamos a ler a información, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinado pola Fundación "la Caixa", desenvolverase neste centro até o mes de marzo do vindeiro ano, coa participación de distintos xornalistas e escritores. O apoio da Fundación “la Caixa” ven dado pola súa inquedanza nos temas de índole social, tal e como recollen os seus obxectivos fundacionais, polo que este marco de colaboración co Colexio de Xornalistas atende á necesidade de dar oportunidades ás que persoas en risco de exclusión.

CPXG