'A Vozes, cultura zeta' e '(Des)facendo Galicia' comparten o premio da IX Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis

O xurado da novena Bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, resolveu repartir o premio entre A Vozes, cultura zeta, presentado por Raul Salgueiro Cores, un proxecto cultural sobre a xeración Z que combina a rede social Instagram co slow journalism; e (Des)facendo Galicia, un podcast da autoría de Érika Martínez Fernández e Samuel Pérez Pérez que mostra a identidade dos distintos espazos da xeografía galega e os conflitos ou problemáticas que se dan no seu interior.

A  Bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, dividiu o premio desta novena edición entre os proxectos A Vozes, cultura zeta. presentado por Raul Salgueiro Cores, e (Des)facendo Galicia, da autoría de Érika Martínez Fernández e Samuel Pérez Pérez. O xurado, formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Belén Regueira, Xoán Soler e Fernando Varela, salientou na primeira das propostas "o uso de novos soportes para achegar a información cultural a públicos tamén novos" e na segunda "a súa orixinalidade ao combinar o uso do podcast e as redes sociais para percorrer a xeografía galega".

A Vozes, cultura zeta é un medio nativo dixital de comunicación cultural que pretende outorgar espazo a manifestacións culturais e a persoas novas que pertencen á xeración Z, favorecendo a súa difusión e promoción no plano cultural galego. Os seus contidos, baseados principalmente en tres ámbitos culturais (a música, a literatura e o cinema e teatro), empregarán de maneira principal un perfil de Instagram. Mais se nesta rede social se difundirán vídeos a xeito de entrevista ou reportaxe, con contidos sinxelos de consumir, isto compleméntase cunha web na que se incluirán informacións máis completas e que afondan máis no detalle, na liña do slow journalism, nunha mestura que pretende satisfacer as distintas necesidades comunicativas segundo o tipo de persoa ou a situación do usuario. Raúl Salgueiro, á fronte do proxecto, é graduado en xornalismo pola USC, cun grande interese polos temas culturais. Realizou o seu período de prácticas en Zenit Televisión como axudante de redacción de programas para a Televisión de Galicia como Carballeira ou En vivo e en directo e o seu tempo libre céntrase na escritura e na lectura.

(Des)facendo Galicia, pola súa banda, é un proxecto transmedia que combina o formato do podcast coa creación de contido en redes sociais, coa vontade de facer un percorrido pola xeografía galega que mostre por un lado a identidade propia dos diferentes barrios, pobos ou cidades, e por outro os conflitos ou problemáticas sociais que sofren. Estará baseado en reportaxes sonoras, en formato podcast, duns 25 minutos de duración, que se complementarán con contidos máis visuais e curtos, difundidos a través das redes sociais Tiktok e Instagram. A proposta está baseada no traballo realizado polos seus autores para o fin de mestrado en Documental e Reportaxe Transmedia da Universidade Carlos III: (Des)facendo barrio, unha curta documental sobre a turistificación no barrio compostelán de San Pedro. Ambos os dous son graduados en Xornalismo na USC, con experiencia laboral en Europa Press, a Radio Galega ou Televisión Española, no caso de Érika Martínez; e no Diario de Pontevedra, Televisión Española ou Cinco Días, no de Samuel Pérez.

A Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis

A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formarse o máximo posible e defender así o posto de informador, de xornalista. Esta bolsa pretende ser un pequeno empuxe para eles, para que atopen o seu camiño profesional. Nas edicións anteriores, foron galardoados coa bolsa os proxectos MediaMapa.Gal e Punto e volta (2016), Feira (2017), Pícaros.gal (2018), Entrelinguas (2019), éDeporte (2020), A Cousa e Zoom na Bagatela (2021), Notas á marxe (2022) e Quen son elas? (2023).

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega. 

CPXG