Xira da activista afgá Massouda Kohistani

Do ao

Información de contacto:

Sara Prieto
657 915734
comunicacion@galicia.amnesty.org

A activista e Defensora dos Dereitos Humanos afgá Massouda Kohistani visita a nosa comunidade da man de Amnistía Internacional Galicia entre os días 23 e 28 de marzo. Santiago de Compostela, Lugo, Pobra do Caramiñal, Vigo e Pontevedra son as localidades que visitará invitada polos grupos locais da organización.

Massouda Kohistani é investigadora e docente. Membro no seu país da Unidade de Investigación e Evaluación de Afganistán (organización independente para a mellora da situación social do país) e da Afghan Women’s Network, foi ameazada de morte despois de convocar a primeira manifestación tras a volta dos talibáns ao poder e xogou un papel clave no apoio as mulleres no proceso de evacuación das mesmas. Participante tamén da JIRGA Nacional sobre Consultas para a Paz (o antecedente do Proceso de Doha para a Paz en Afganistán), defendeu a participación da muller na esfera pública, especialmente para acadar a representación feminina no Goberno. Dende agosto de 2021 está refuxiada en España a raíz da toma de Kabul por parte dos talibáns.

Kohistani dará visibilidade á delicada situación que viven as mulleres e nenas de Afganistán dende que subisen ao poder de novo os talibáns en agosto de 2021, tras anos de políticas tuteladas polos Estados Unidos e as forzas aliadas. Así, dende que Massouda deixase o seu país por ameazas de morte, as mulleres retrocederon no seu dereito á educación (pois xa on poden asistir ao colexio ou á universidade), no seu dereito ao traballo remunerado, pois xa non se lles permite exercer a súa profesión, ou á mera representación, pois se fixeron mundialmente famosas as imaxes de escaparates cos manequíns coa cabeza tapada por bolsas de plástico.

A xira de Massouda Kohistani constará de encontros con políticos autonómicos, provinciais e locais, así como de charlas abertas ao público. As citas, das que Amnistía Internacional ampliará información nos próximos días, serán Santiago de Compostela o xoves 23, Lugo o venres 24, a Pobra do Caramiñal o sábado 25, Vigo o luns 27e Pontevedra o martes 28.

Para ampliar información ou concertar entrevistas pode contactarse co departamento de comunicación de Amnistía Internacional Galicia no teléfono 657 915734 (Sara Prieto) ou no correo electrónico comunicacion@galicia.amnesty.org.