As mulleres no xornalismo galego: A crónica revelada

Do ao

As mulleres no xornalismo galego: a crónica revelada reúne o legado das pioneiras do xornalismo galego, investigando e reivindicando as súas biografías, con entrevistas a referentes femininos da nosa profesión na actualidade. O obxectivo é o de rescatar, visibilizar e valorar o papel das xornalistas, ademais de inspirar ás novas xeracións con referentes mulleres.

ELIANA MARTÍNS

Velaquí un traballo de visibilización do traballo das xornalistas galegas. Outro máis? Outro, e falta que fai.

As páxinas que seguen son o resultado dun esforzo colectivo en varios planos históricos. No de hoxe, nas compañeiras que asinan os textos e que realizaron as entrevistas con xenerosidade, respecto e compromiso. Sacúdalle as trazas de tópico que teñan estas palabras, porque son as que mellor as describen. Noutro plano temporal recente, o das xornalistas en activo nos últimos trinta ou corenta anos, que debuxan un retrato da profesión a través das testemuñas compartidas nas súas entrevistas e que nos dan a coñecer en primeira persoa como foi exercer a profesión nunha democracia en obras e nunha sociedade abertamente machista.

E damos un salto maior para percorrer máis dun século cara atrás, ata os comezos do xornalismo profesionalizado no século XIX, co que coñecer como nunha sociedade que concibía como un feito desnaturalizado a actividade intelectual feminina, houbo quen se atreveu a desafiar a orde establecida, con máis ou menos conciencia, para tomar a palabra e ocupar os silencios.

Este libro mira con atención aqueles espazos nos que aínda persisten as sombras e sobre os que aínda, no xornalismo galego, non se botara luz de xeito concreto. A crónica deste volume contribúe a construír un relato máis completo, plural, diverso e xusto do noso xornalismo.

Os traballos de visibilización non son un acto menor: son unha ferramenta de transformación social e de xustiza. Recoñecer e poñer en valor o traballo das xornalistas galegas, ademais de outorgarlles o lugar que merecen, é inspirar as xeracións futuras, corrixir as narrativas dominantes e camiñar cara a unha representación máis equitativa.

E no íntimo, este é un libro emocionante, no que as compañeiras que foron dando forma a cada conversa acendían unha lámpada sobre unha carreira máis ou menos descoñecida, que incluso as propias protagonistas sentían como pouco importante. “Eu só fixen o meu traballo”. “Aquí deberían estar outras compañeiras”.

O feito de ver este traballo en conxunto, esta viaxe no tempo, danos unha perspectiva maior e profunda do significativo que foi o avance. Un paso que deron as xornalistas e que repercutiu sobre todas as mulleres, forzando que cambiase o modo en que se informaba de cuestións que nos afectaban, como as violencias machistas, sen ir máis lonxe.

Desde as que fixeron colaboracións esporádicas, ou as que se protexeron baixo pseudónimos, ata aquelas que se incorporaron ás redaccións ou que cubriron guerras, coa vocación de contar o que acontecía, de dar a súa opinión, de interpretar os feitos. Son todas as que están, pero obviamente, non están todas as que son. Ao igual que nunha redacción, o tempo e os prazos obrígannos a pechar a edición, sabendo que nos queda máis que contar pero que toca ir ás rotativas.

E eu, que tiven a sorte de acompañar todo o proceso, só podo dar as grazas. Á decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Belén, pola confianza. Ás autoras dos textos e das imaxes, compañeiras, pola facilidade para traballar con vós. Ás entrevistadas, polo regalo que é poder lervos e a aprendizaxe que nos entregades. E á Deputación da Coruña, por ter confiado nesta idea e apoiala a través do Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade en 2024.

“O triunfo verdadeiro só se acada cando se mira ao ceo e se ve nel a inmensidade do espazo que temos para voar”, escribiu Villalta nunha reflexión sobre as escritoras. Que sirva esta crónica revelada para alumear sobre o voo das xornalistas que nos abriron un ceo máis amplo, diverso e xusto. 

 

Noticias relacionadas: 

A reivindicación das xornalistas galegas do CPXG recibe un dos premios Luísa Villalta a proxectos pola igualdade

O Colexio de Xornalistas recolle o VI Premio Luísa Villalta

'As mulleres no xornalismo galego: A crónica revelada' recolle unha viaxe polas comunicadoras galegas: "Faltábanos falar de nós mesmas"

 

Este proxecto recibiu o VI Premio “Luísa Villalta” a proxectos pola igualdade 2024 da Deputación da Coruña