Xornalismo e Dereitos Humanos danse a man

Dossieres

O Encontro Internacional de Fotoperiodismo organizado por Javier Bauluz, que se celebrou esta semana ó mesmo tempo que a Semana Negra de Xixón, publicou o pasado sábado un manifesto no que demanda un maior compromiso dos profesionais e empresas de prensa coa defensa dos dereitos humanos.

Durante unha semana vivíronse debates sobre a profesión, a evolución do mesmo, os seus diferentes ámbitos e os cambios na forma de traballo e difusión que están a provocar as novas tecnoloxías.

De xoves a sábado, ademais, proxectáronse os traballos dos aspirantes a premio na carpa habilitada na praia. Finalmente, os seis mil euros de dotación foron a parar a mans de David Guttenfeld polo seu traballo na Guerra de Afganistán.

Nese marco, o escrito, que foi firmado por galardoados fotoperiodistas de distintos medios de comunicación, expresa que o labor de empresas e profesionais de prensa é "pór de manifesto todas as violacións" dos dereitos fundamentais. "A Declaración Universal dos Dereitos Humanos debe ser o marco ético do xornalismo", engade o texto.

O foro de fotoperiodistas que desenvolveu diversas actividades esta semana valorou as novas tecnoloxías como un elemento que permite "democratizar o dereito a informar e a ser informado". Considera ademais que "o xornalismo é un servizo público ós cidadáns que non pode estar sometido a intereses políticos ou económicos particulares" e que "os xornalistas non poderán exercer o seu labor se os seus propios dereitos humanos son vulnerados".

O texto foi firmado por Javier Bauluz, Luis Acebal, Eduardo Marquez, Enrique Meneses, Walter Astrada, Karen Maron, Xesús Abade, Enrique Fidalgo, Juan Medina, e Ali Hussain Khudhair, entre outros.

Ó mesmo tempo lanzouse un web para que as organizacións e cidadáns que o desexen poidan lelo, difundilo ou adherirse ó mesmo: http://www.manifiestoperiodismoyderechoshumanos.com/

XIXÓN
ROSA JIMENEZ CANO
EL PAIS

Documentación