Unha lei audiovisual necesaria pero que debe ser mellorada

Dossieres

Tras anos de compromisos de diversos gobernos para ordenar o sector audiovisual, sometido a normativas dispersas, e para dotalo dunha lei xeral e dunha autoridade audiovisual como as existentes en toda Europa, o Goberno aprobou por fin o proxecto de Lei Xeral da Comunicación Audiovisual que presentou a finais de xuño.

Isto debería alegrar a quen desde fai demasiado tempo viñemos reclamando unha regulación do sector audiovisual que garanta o dereito á información da cidadanía, acabando coas radiotelevisiones públicas de partido, e tamén o dereito a unha programación digna e de calidade.

Unha esixencia que alcanza tamén ás privadas, que nestes anos profundaron nas simas máis baixas de teleporquería e de banalización e degradación do entretemento. Tamén deberiamos alegrarnos os que esixiamos a necesidade dunha autoridade audiovisual independente do Goberno, que vele de forma vinculante polo cumprimento deses obxectivos e teña capacidade para sancionar e tamén para adxudicar as licenzas radioeléctricas, co fin de acabar cos favoritismos e clientelismo que comportan deixalo en mans dos gobernos.

Con todo, topámonos cun proxecto de lei audiovisual que se afasta dos primeiros proxectos do 2005, inspirados no Comité de expertos que o primeiro goberno de Rodríguez Zapatero impulsou para dar satisfacción ás esixencias de sectores da comunicación, os usuarios e os profesionais da información.

Xa choveu desde entón e novos actores, principalmente operadores privados, apareceron con forza ata o punto de influír decisivamente nunha lei que máis que regular o sector aparece como liberalizadora do mesmo. Non por casualidade, a Unión de Televisións Comerciais Asociadas (UTECA) aplaudiu indisimuladamente o anteproxecto.

A proposta do Goberno non parte dunha concepción global de servizo público exixible a todo o sector audiovisual, senón que introduce o principio de "interese xeral" e limita o servizo público aos medios de titularidade pública, a quen impón máis obrigacións que dereitos. Entre elas, a "contabilidade analítica" que separe a programación de servizo público da comercial, coma se fose fácil de delimitar, e máis no caso de autonómicas e locais con función de normalización da lingua propia, que atravesa toda a programación.

O proxecto aprobado este sábado consagra medidas anteriores, como as novas condicións para a fusión entre operadores, a TDT de pago e a eliminación da publicidade na radiotelevisión estatal, que será un modelo a xeneralizar -UTECA presiona nese sentido- e que condicionará ao sector audiovisual público autonómico e local.

Ademais, limita ás televisións públicas a compra de dereitos de grandes retransmisións deportivas e das grandes producións cinematográficas, o que redundará no raquitismo do sector público que non poderá competir coa lóxica puramente mercantil das privadas.

O proxecto refírese sempre ao "mercado audiovisual" e non menciona o dereito fundamental á información da cidadanía.

Créase unha Autoridade Audiovisual, pero sen as competencias que debese ter como a de conceder licenzas, que xa teñen organismos análogos de comunidades autónomas. Esa competencia queda en mans do Goberno. A capacidade sancionadora da autoridade audiovisual vén limitada pola "autoregulación" proposta, de triste experiencia no sector.

Non se contemplan uns medios públicos audiovisuais fortes, que garantan unha porcentaxe maioritaria de produción interna, e con iso unha garantía de emprego estable. Non se contempla tampouco engadir aos requisitos para os concursos de licenzas compromisos de emprego estable, ou de dereitos profesionais como os Estatutos de Redacción.

As licenzas concederanse por períodos de 15 anos, no canto de 10 como ata agora, cun máximo de tres. Pero pondo o contador a cero, é dicir, ignorando os anos anteriores, de forma que grandes operadores teñen garantida licenza por 45 anos, grazas á "renovación automática" prevista.

O "terceiro sector", ou medios comunitarios, apenas se se contempla, e esíxeselle contidos determinados á vez que se lle impide ter publicidade.

Valoramos en cambio os avances en materia de protección da infancia e de limitacións, aínda que mellorables, á publicidade.

Por todo iso, a Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP) recoñece o positivo de estar ás portas dunha Lei da Comunicación Audiovisual, tan necesaria como a Autoridade que vixíe do seu cumprimento con eficacia.

Pero, ao mesmo tempo, alerta dos perigos de consagrar na lei principios que responden á rendibilidade económica inmediata dos operadores privados e non á necesidade cidadá dun audiovisual entendido como servizo público.

A FeSP exporá aos grupos parlamentarios as emendas oportunas, de acordo coas organizacións sociais, para que non se desaproveite a oportunidade, longamente esperada, de situar o sector audiovisual ao servizo de dereitos fundamentais e non do negocio privado.

XUNTA EXECUTIVA FEDERAL DA FEDERACIÓN DE SINDICATOS DE XORNALISTAS

Documentación