O tratamento informativo do caso de Asunta Basterra

Dossieres

Os acontecementos sucedidos recentemente en Santiago de Compostela relacionados coa morte de Asunta Basterra provocaron unha importante reacción colectiva de repulsa.

Os medios de comunicación e os xornalistas teñen como función informar, interpretar e opinar sobre os feitos noticiosos. Polo tanto, tanto desde a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago como desde o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, reivindicamos a obriga da información veraz, obxectiva e imparcial para que os medios de comunicación poidan trasladar ao conxunto da sociedade toda a información relevante relacionada co caso.

Para lograr o éxito nesta tarefa é imprescindible recuperar os elementos que garanten a calidade informativa, como a veracidade das fontes, o seu contraste, a oportunidade da información e os límites impostos polo dereito á privacidade, á propia imaxe e a presunción de inocencia. Por iso, e especialmente nos momentos nos que se produce unha situación informativa como no caso Asunta Basterra, é imprescindible apelar ao compromiso coa sociedade tanto dos profesionais coma dos editores dos diferentes medios, ben sexan en papel, en televisión, en radio ou en internet.

A Facultade de Ciencias da Comunicación e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia son conscientes que durante estes días houbo importantes eivas na calidade informativa que obedecen a distintas causas. Estas dúas entidades non teñen capacidade para decidir as políticas editoriais dos medios de comunicación, pero si é a súa obriga facer un chamamento á responsabilidade dos editores e das fontes informativas para que non se desvirtúe o fin último do xornalismo que é garantir o dereito á información veraz e á opinión libre. Do mesmo xeito, tamén debemos apelar á profesionalidade, ao respecto dos códigos deontolóxicos e ao bo traballo das ducias de xornalistas que se enfrontan ante a dura tarefa de informar dun suceso tan dramático.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2013

Documentación