O Sindicato de Xornalistas de Galicia únese ás protestas contra as 65 horas

Dossieres

O SXG e a Federación de Sindicatos de Xornalistas, FeSP, apoian as iniciativas sindicais, políticas e cidadás contra a directiva da Unión Europea que aprobou unha proposta de modificación sobre a xornada laboral, que será votada no Parlamento Europeo o mes de decembro.

A proposta de directiva permitiría aos Estados membros da Unión autorizar incrementos da xornada laboral semanal até as 65 horas, a través de pactos individuais entre empresario e traballador, saltándose os convenios colectivos, que fixan unha xornada inferior.

Poderíase chegar así a ter xornadas laborais de ata 10 ou 12 horas.

Se fose aprobada, esta normativa implicaría:

- un retroceso respecto da xornada laboral máxima de 48 horas, fixada pola OIT en 1919.

- a erosión do dereito á representación e negociación colectiva dos traballadores.

- un agravamento do paro, en sentido contrario á loita polas 35 horas.

- un abaratamento dos salarios, xa insuficientes ante o custo da vida.

- un incremento da fatiga laboral e dos problemas de saúde laboral.

- unha liña contraria á conciliación da vida laboral, persoal e familiar.

- unha ofensiva primeiro contra precarios e inmigrantes, e despois contra todos os traballadores.

Uns efectos que se agravarían nun sector como o da comunicación, no que xa hai xornadas que se alargan coa escusa da actualidade informativa, e onde a conciliación do traballo coa vida persoal e familiar é especialmente difícil.

Por todo iso o SXG reclama a retirada da directiva. Ademais, o Sindicato fai un chamamento a participar nas protestas do día 7 de outubro, que inclúen concentracións e paros puntuais a decidir nos centros de traballo e manifestacións convocadas contra esta agresión aos dereitos dos traballadores

SXG
VIGO

Documentación