O asalto dos afectados polas preferentes reabre o conflito na CRTVG

Dossieres

A toma da sede da CRTVG, o pasado 30 de marzo, por un grupo de persoas afectadas polas chamadas participacións preferentes está a provocar un conflito no seo do ente. O CPXG sacaba o día 31 un comunicado condeando o asalto.

No primeiro momento, dirección e sindicatos cruzaron declaracións incriminatorias. Se a Compañía acusaba a traballadores de facilitar o acceso aos manifestantes, o comité denunciaba a "fuxida" do director do ente que, din, puxo en perigo aos empregados.

O ton do conflito, rodeado das acusacións de manipulación na cobertura informativa do caso, foi complicándose nos días seguintes. A CUT, sindicato maioritario no Ente, consideraba roto o diálogo social, mentres que a dirección encargaba un expediente informativo ao que respondía o Comité Intercentros coa convocatoria dunha manifestación, para o vindeiro 21 de abril, baixo o lema 'Nin represión nin manipulación'.

Con este pano de fondo, a renuncia de Alfonso Hermida ao seu posto como presentador e editor do Telexornal ten sido tamén relacionada coa cobertura informativa do caso das preferentes. Hermida anunciaba o pasado martes, por Twitter, a súa volta á sección de Deportes.

Documentación